EN ESTE MOMENTO ESTAMOS ABIERTOSEN ESTE MOMENTO ESTAMOS CERRADOS
ABIERTOCERRADO
HORARIOHORARIOHORARIO
UBICACIÓNUBICACIÓNUBICACIÓN

Cornelisz van Oostsanen, Jacob

Data de nacemento
1470[ca]
Lugar de nacemento
Oostzaan
Data de defunción
1533
Lugar de defunción
Amsterdam
Biografía

Membro dunha familia de artistas, era irmán de Cornelius Buys I (coñecido tamén como o Mestre de Alkmaar), tío de Cornelius Buys II e pai do pintor de retratos Dirk Jacobsz, os cales utilizaron a mesma firma co seu monograma. Segundo o biógrafo Karel van Mander naceu en Oostzaan, un pequeno pobo situado ao norte de Holanda. Probablemente, recibiu a súa formación en Haarlem do Mestre do Descendemento da Cruz Figdor, pintor do círculo de Geertgen tot Sint Jans (ca.1460-ca. 1490). En 1500 sábese que adquiriu unha casa en Amsterdam, cidade onde traballou o resto da súa vida. As súas primeiras obras documentadas: "Noli me tangere", conservada na Schloss Wilhelmshöhe en Kassel, e a serie de xilografías coa vida da Virxe están datadas en 1507. Respecto a este último conxunto subliñouse o feito pouco probable de que o artista, que contaba cuns trinta e cinco anos, comezara a súa actividade tan tardiamente. Durante as décadas seguintes, recibiu numerosos encargos, a maioría procedentes dos estamentos católicos da cidade. Especializarase no gravado en madeira inspirándose na produción artística de Alberto Durero, a quen se pensa que puido coñecer nunha viaxe realizada a Anveres en 1521.
Da súa produción artística coñécense unhas vintesete pinturas e unhas duascentas xilografías. A súa obra gráfica caracterízase pola súa convencionalidade, pois permaneceu fiel á tradición neerlandesa de pequenas ilustracións moi detalladas e minuciosas. A súa pintura, pola contra, si sufríu un cambio ao longo da súa carreira. De feito, as súas primeiras composicións son debedoras aínda do gótico tardío, influídas pola escola de pintores de Haarlem, se ben deixa ver un gusto refinado no tratamento das teas con ricos bordados e o uso dunha paleta de cor moi variado que o fan próximo á corrente manierista. Pola contra, a súa obra final presenta unha factura máis solta, a simplificación dos detalles a o alongamento das proporcións como se aprecia no cadro "Saúl e a pitonisa de Endor" (1526) do Rijksmuseum de Amsterdam, características estas que responden á corrente introducida por Gossaert e Jan van Scorel.
É considerado o fundador da escola de pintura de Amsterdam, sendo o gran propagador dos postulados renacentistas nos Países Baixos. A pesar de que moitas das súas obras relixiosas desapareceron durante as revoltas iconoclastas, todavía se conservan algúns exemplos do seu bo facer como pintor como, por exemplo, o retablo da Virxe con anxos de Anveres, a Crucifixión de Colonia, a Natividade de Nápoles, o "Triunfo da Relixión" ou a "Adoración da Trindade" de Kassel (unha das mellores obras saídas da súa man), a "Adoración dos Magos" de Verona, etc.