Santiago Matamouros
De Martes a Viernes
09.30 - 20.30 h
Sábados
11 - 19.30 h
Domingos y Festivos
10.15 - 14.45 h
Cerrado
Todos los lunes del año
1 y 6 de enero
1 de mayo
24, 25 y 31 de diciembre
Praza das Praterías, 2.
15704 Santiago de Compostela
A peza componse dunha figura principal e a súa correspondente orla decorativa con elementos fitomorfos fundamentalmente, realizado todo iso en lámina de prata. A escena representa a Santiago Matamouros. O Apóstolo aparece montado nun cabalo en corbeta sobre os mouros mortos ou feridos que aparecen espallados polo chan. Santiago porta unha grande espada flamíxera de pomo esférico así como un estandarte bífido coa cruz de Santiago en mastro rematado en cruz latina. Veste ampla túnica que describe estudados pregues que deixan ver a perna dereita de Santiago dende o xeonllo. Sobre a túnica un manto con esclavina que ondea ao vento acentuando o movemento que a posición do cabalo tamén suxire. Cubre a cabeza cun sombreiro de copa semiesférica e aba ancha levantada na parte frontal. Unhas medias calzas cubren os pés chegando ata a altura das coxas. O cabalo, cun estudo anatómico detallado, porta bridas e esporas realizadas en fío laminar sobreposto. Na parte baixa das composición dispóñense, sobre unha paisaxe insinuada, os corpos de tres personaxes ataviados con indumentaria oriental portando escudos e alfanxes e restos dun estandarte coa media lúa. Trátase dunha composición moi estudada con posturas moi forzadas que provocan escorzos ben resoltos polo deseñador da imaxe. O acabado é igualmente de gran calidade, harmonizando coa solución dada á totalidade da representación. O estandarte, a espada, o sombreiro, as bridas do cabalo e un dos escudos están sobredourados.
Rodeando a composición disponse unha orla vexetal, ben resolta sen caer no exceso de volumes que reiterativamente se poden apreciar en moitos produtos saídos dos talleres composteláns do XIX. Na parte inferior aparece unha representación dunha vieira, mentras que na superior, a maneira de copete, aparece, exenta, unha cruz de Santiago, tamén sobredourada. Os elementos en prata aparecen sobrepostos a un fondo de madeira forrado con veludo azul. A escena co Santiago Matamouros suxéitase mediante parafusos con roscas mentras que a orla se fixa coa axuda de cravos finos que se remachan polo reverso.
Non se aprecian punzóns nin marcas de ningún tipo.
Conserva no reverso, escrito en tinta negra directamente sobre a táboa e con renglóns previamente deseñados a lápis, o seguinte texto: "C. / 366 / El Emo. y Excmo. Sr. Cardenal Arzobis / po de Santiago bendijo esta Sta. Ymagn. Del / Apostol Santiago el día 28 de Julio de / 1867.= Concede 100 dias de Yndulgas. por / cada Padrenuestro y Ave María que se / rece delante de esta Sta. Ymagn. y lo mismo re / zando un Credo".
Aprécianse evidencias de haber estado enmarcada.