De Martes a Venres
09.30 - 20.30 h
Sábados
11 - 19.30 h
Domingos e Festivos
10.15 - 14.45 h
Pechado
Todos os luns do ano
1 e 6 de xaneiro
1 de maio
24, 25 e 31 de decembro
Praza das Praterías, 2.
15704 Santiago de Compostela
O Día das Letras Galegas 2024 está adicado a escritora e poeta Luisa Villalta. No Museo das Peregrinacións e de Santiago conmemoramos este día cunha «Acción recitativa», gravada na planta baixa do museo, da man de Eva Veiga.
DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2024
Acción recitativa por Eva Veiga
Redes sociais
Todos os públicos
Acción recitativa no MDPS con poemas de Luisa Villalta, figura homenaxeada no Día das Letras Galegas 2024. Emisión nas RR. SS do recital ofrecido por Eva Veiga, gravado na planta baixa do museo, na praza das Praterías.
Luisa Villalta:
María Luísa Villalta Gómez naceu na Coruña o 15 de xullo de 1957. Estudou na Universidade de Santiago de Compostela, onde se licenciou en Filoloxía Hispánica e Galego-Portuguesa en 1982. Posteriormente alcanzou o título superior en Violín no Conservatorio e pasou a formar parte da Orquestra de Santiago e da Xove Orquestra de Galicia. A música converterase nun trazo esencial que vai transcender á maior parte da súa creación literaria.
Exerceu como docente de lingua e literatura galega en varios centros ata que conseguiu o destino definitivo no instituto Isaac Díaz Pardo, de Sada. O seu alumnado lémbraa como unha firme defensora do ensino público, pois ela concibíao como un espazo onde se esborrallan as diferenzas e no que promover o debate e a reflexión crítica, o respecto e a escoita activa.
Aínda que recoñecida sobre todo como poeta, a súa produción literaria abrangue outros xéneros para os que realizou achegas fundamentais. Abordou o teatro (O paseo das esfinxes, Concerto para un home só, ou As certezas de Ofelia) e o ensaio (O outro lado da música, a poesía), ademais da narrativa, con pezas como “A taberna do holandés” —un relato ao que se lle concedeu un Accésit nos Premios Modesto Figueiredo en 1990—, Silencio, ensaiamos (1991), Teoría de xogos (1997) ou As chaves do tempo (2001).
En canto á poesía, Música reservada é o seu primeiro libro, publicado en 1991. Seguiríalle Ruído, que chega catro anos despois (1995). En ambos os dous, a palabra e a música, as súas grandes paixóns, xorden entrelazadas.
En 2004 sae á luz En concreto, o gran canto que lle dedica á Cidade Alta —A Coruña—, o seu espazo de referencia vital e creativo. A publicación foi recoñecida co Premio de Poesía Espiral Maior ese mesmo ano. A cidade herculina é tamén o eixe central de Papagaio, a obra máis conectada co pensamento feminista que sempre a acompañou. As palabras ingrávidas, poemario en forma de almanaque no que a autora estaba a traballar, chegaría postumamente no ano 2020 da man do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, que recolleu o legado da autora cedido de xeito altruísta pola súa familia.
Compaxinou o seu labor creativo cunha intensa actividade cultural. Colaborou en diferentes xornais e revistas. O seu feminismo entronca tamén co seu profundo sentido da xustiza e o seu desexo de contribuír, coa súa achega, a unha sociedade máis igualitaria.
Fonte «O Portal da Lingua Galega»
Fotografía @Xosé Abad
Para saber máis:
Real Academia Galega
Eva Veiga
Da man da poeta podemos gozar este Día das Letras Galegas 2024 da «Acción recitativa», gravada no Museo das Peregrinacións e de Santiago. Nela, a autora ofrécenos unha conmovedora interpretación da obra de Luisa Villalta e algunhas reflexións sobre a súa obra.
Eva Veiga:
Tras realizar estudos de Filoloxía Inglesa pola Universidade de Santiago de Compostela, traballou en El Ideal Gallego e na TVG, onde desenvolveu unha polifacética e intensa actividade profesional, sobre todo na dirección e presentación de programas culturais. Neste eido, foi dúas veces Premio TP e Premio Galicia de Comunicación. Asemade, presentou e dirixiu para televisión a serie documental sobre a historia da arte galega Galicia no Tempo, programa que foi galardoado co Premio do Colexio de Arquitectos de Galicia e co Premio de Honra da UNESCO.
Actualmente, dedícase á escrita de artigos en revistas e xornais. Xunto aos músicos Fito Ares e Bernardo Martínez, formou parte do grupo poético-musical Ouriol.