NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOSHORARIOSHORARIOS
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN

Día do patrimonio 2020

Un ano máis o Museo das Peregrinacións e de Santiago súmase a celebración do Día do Patrimonio coa iniciativa dixital do Consello da Cultura Galega, a través da súa Sección de Patrimonio e Bens Culturais. Os centros documentais de Galicia, as bibliotecas, arquivos e museos, xuntámonos para celebrar, o 16 de novembro de 2020, o Día do Patrimonio Mundial, a través dunha oferta conxunta de actividades, materiais e contidos destinados a facer visible o patrimonio cultural documental de Galicia.

O convite do Consello da Cultura deste ano animaba a todas as institucións da memoria interesadas a programar unha actividade de difusión que puxera o acento nun documento, peza ou conxunto que participara dese valor cultural, local e universal, que o fixera especialmente apreciable e transcendente. A elección da peza que representa o Día do Patrimonio no MdPS xustifícase precisamente seguindo este lema.

Iago e Galo
Arxentina s. XX
Gravador: Rubén de la Colina

Gravado de Santiago Peregrino con todos os seus atributos, chapeu con cunha de vieira, esclavina, bordón, estandarte coa cruz de Santiago, libro dos evanxeos, etc. Un valor engadido é a presenza do galo, que fai referencia a un dos milagres e lendas atribuídos a Santiago, polo que os valores da tradición oral e popular estarían simbolizados na ave representada nesta lámina.

Por que valor local, valor universal, desta peza?

A figura de Santiago é por si mesma un símbolo de universalidade cultural estendida máis aló dos límites do Camiño. Non obstante, este gravado esconde un dos trazos máis característicos da nosa sociedade e que a fai máis universal aínda, o da emigración.

Esta lámina foi realizada na Arxentina, polo artista Rubén de la Colina. En América Latina, a figura de Santiago gozou de gran devoción, aínda que habitualmente está vinculada coa iconografía de Santiago Cabaleiro. O Santiago que reflexa este gravado, é un retrato máis popular, vinculado coas antigas estampas de peregrino de orixe bretón (s. XVII - XVIII) que facían alusión aos milagres e lendas xacobeas que se prolongan en Galicia ata ben entrado o século XX (Bescansa Hernández, 2001: 130 - 131). A emigración dalgúns artistas galegos á Arxentina durante o século XX, véxase o caso de Castelao e Seoane, é posible que exercera certa influencia nos círculos das artes, das letras e da impresión do continente americano (Bescansa Hernández, 2001: 130 - 131).

Polo tanto, as características que impregnan este gravado como son a cultura popular, a orixinalidade artística e o transvase de información dun continente ao outro faina especialmente apta para conmemorar o Día do Patrimonio 2020 como peza que representa un valor cultural, local e universal.

Bibliografía citada: 
Bescansa Hernández, “Yago y Gallo” en Un museo en crecemento: adquisicións, 1996-2001, coords. Mª Isabel Pesquera Vaquero e Bieito Pérez Outeiriño, 2001: 130 – 131.