NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOSHORARIOSHORARIOS
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN

Novidades expositivas: Martín Bernat

Xoves, 3 de Marzo de 2022

Martín Bernat ‘Embarque en  Jafa del cuerpo de Santiago el Mayor’.
1480 - 1490. Técnica mixta sobre táboa, 159 x 73 cm

O Museo das Peregrinacións e de Santiago expón a obra do pintor gótico Martín Bernat ‘Embarque en Jafa do corpo de Santiago o Maior’, cedida polo Museo Nacional do Prado, ata finais do ano 2023.

A nova incorporación pódese visitar na planta baixa da sede expositiva na praza das Praterías. A táboa do século XV, exposta na zona dedicada á translatio, foi remodelada para acoller esta peza e outras dúas da colección do Museo das Peregrinacións que nunca foran expostas: ‘Fuxida de Teodoro e Atanasio’ e ‘A raíña Lupa vendo pasar o corpo do Apóstolo Santiago’. Ambas son óleos sobre táboas do século XVI, pertencentes á escola aragonesa. O conxunto ofrece unha nova perspectiva unitaria sobre o relato lendario do traslado do Apóstolo e da súa chegada a Santiago de Compostela.

A cesión por parte do Museo Nacional do Prado prodúcese en contraprestación polo levantamento do depósito da obra Santiago Peregrino, de Juan de Flandes, para expoñela durante dous anos nas salas de Gótico do centro madrileño, con motivo da súa remodelación. Transcorrido este período, a peza regresará a Compostela e o Museo Nacional do Prado recuperará tamén a táboa de Martín Bernat agora cedida.

 

A OBRA
Esta táboa reflicte o momento no que o corpo do santo é introducido por dous homes nunha barca de madeira varada na ribeira do Mediterráneo na localidade de Jafa, a súa cabeza permanece no chan e detrás un amplo grupo, encabezado por Herodes Agripa e o seu séquito presenciando a escena. No lado dereito, o verdugo procede a envainar a espada coa que acaba de decapitar ao Apóstolo. De fondo, un amplo ceo azul con outeiro e unha árbore en cada un dos lados.

CONTEXTO
Martín Bernat é seguidor de Bartolomé Bermejo, co que traballou en diferentes proxectos durante a estancia deste último en Aragón (retablos de Santo Domingo de Silos de Daroca e retablo da capela de Juan de Lobera en Santa María la Mayor de Zaragoza) e traballou tamén con Miguel Ximénez, outro seguidor de Bermejo, no Retablo de la Santa Cruz de Blesa (Teruel). Como artista independente realizou o retablo da capela dos Talavera na catedral de Tarazona (Zaragoza) en 1493 ou o de San Juan Bautista de Zaidín (Huesca).

O seu estilo é claramente debedor do mestre Bermejo, en canto ás composicións, e as súas obras destacan pola viveza da policromía e o uso xeneroso dos dourados en detalles de traxes e nimbos. Para os detalles xeralmente usa un fondo de estuco en relevo cuberto con pan de ouro, técnica habitual na pintura tardogótica aragonesa. As súas figuras teñen trazos anatómicos moi expresivos, por unha certa dureza de modelado, que contribúe a aumentar a súa expresividade.

MÁIS INFORMACIÓN

Museo Nacional do Prado:  ‘Embarque en  Jafa del cuerpo de Santiago el Mayor’.

 

PRENSA

Nova: O Museo das Peregrinacións e de Santiago expón unha obra do pintor gótico Martín Bernat cedida polo Museo Nacional do Prado | Cultura de Galicia