De Martes a Venres
09.30 - 20.30 h
Sábados
11 - 19.30 h
Domingos e Festivos
10.15 - 14.45 h
Pechado
Todos os luns do ano
1 e 6 de xaneiro
1 de maio
24, 25 e 31 de decembro
Praza das Praterías, 2.
15704 Santiago de Compostela
O Códice Calixtino na Biblioteca do Museo das Peregrinacións e de Santiago. Mostra bibliográfica
O Códice Calixtino fíxose célebre polo roubo levado a cabo na Catedral de Santiago no ano 2011. Ata ese momento moita xente non tiña noticias da súa existencia, pero para os bibliófilos e os estudosos do Camiño de Santiago, entre outros, era un eminente testemuño da peregrinación xacobea, fundamental para a súa comprensión, e unha destacada xoia manuscrita da cultura occidental do século XII.
Escrito en latín, no século XX déuselle o título de Liber Sancti Jacobi (Libro de Santiago) polos versos que o inician; pero o manuscrito orixinal, conservado na Catedral de Santiago, recibiu o sobrenome de Codex Calixtinus, polo interese dos seus autores en simular que o autor fora Calixto II, papa benefactor da Igrexa compostelá e a peregrinación. En realidade, non se coñece con certeza a súa autoría, aínda que o libro V, o máis popular, está atribuído a Aimeryc Picaud, relixioso de orixe francesa, que narra a súa viaxe de peregrinación.
A Igrexa compostelá impulsou a súa redacción en tempos do arcebispo Diego Xelmírez (ca. 1100-1140) e pénsase que se concibiu co obxectivo de afianzar Santiago de Compostela como o segundo gran centro da cristiandade despois de Roma.
É unha compilación de cinco libros: Libro I. Liturxia propia da Catedral compostelá no século XII; Libro II. Narración de 22 milagres de Santiago; Libro III. Historia da translación do corpo do apóstolo Santiago desde Palestina; Libro IV. Crónica de Turpin, narra a historia de Carlomagno e a súa relación con Santiago; Libro V. Descrición dos camiños a Compostela, considerado como a primeira guía de peregrinos e a primeira guía de viaxe coñecida de Europa.
Na biblioteca preparamos unha pequena mostra das versións que temos deste códice. Podes atopar a versión transcrita en latín, a tradución ao galego e castelán, ou algún dos seus libros traducidos ao inglés ou alemán.
Se estás interesado, pasa pola nosa sala de lectura.