De Martes a Venres
09.30 - 20.30 h
Sábados
11 - 19.30 h
Domingos e Festivos
10.15 - 14.45 h
Pechado
Todos os luns do ano
1 e 6 de xaneiro
1 de maio
24, 25 e 31 de decembro
Praza das Praterías, 2.
15704 Santiago de Compostela
O Museo é o espazo onde se materializa a idea dunha exposición. Pero ata que esta se converta nunha realidade tanxible hai un longo proceso invisible aos ollos do visitante e que pode levar meses, e mesmo anos, de preparación.
No Museo das Peregrinacións e de Santiago, hai unha exposición permanente que está ao dispor do visitante ao longo de todo o ano sen interrupcións e dous espazos dedicados a exposicións temporais: un no soto (espazo polivalente) e outro na planta 1 (sala de temporais). Nesta ocasión centrarémonos nesta modalidade expositiva, as temporais.
Poderíase dicir que á hora de montar unha exposición hai diversas fases ou procesos. O primeiro deles indubidablemente é a concepción do proxecto expositivo. Iso require un traballo de investigación e desenvolvemento dunha idea, a súa redacción, a elaboración dunha listaxe de obras e artistas e unha proposta inicial para o deseño do proxecto adaptándoo ao espazo físico onde terá lugar. Por suposto esta primeira fase require da realización dun orzamento onde se reflicta o custo global do mesmo.
A redacción do contido é a fase nuclear pois é aquí onde se está elaborando o discurso para comunicarse co visitante, que é o obxectivo principal dunha exposición. Para iso hai que redactar o texto principal de contido, cartelas, trípticos, sinópsis e por suposto a redacción final do catálogo co seu respectivo texto, selección de imaxes…Unha vez elaborado este proceso, que pode prolongarse moito no tempo, vén a fase de difusión, na cal a institución museística ou expositora debe dar a coñecer a exposición en prensa e redes sociais.
Centrándonos no obxectivo desta pequena síntese, imos ver como se produce a fase final, a supervisión da montaxe e desmonte. O primeiro paso é acondicionar o espazo: manter baixo control os sistemas de clima (humidade, temperatura, ventilación…) para garantir o bo estado de conservación dos bens expostos e evitar a propagación de axentes xilófagos ou danos causados por unha mala xestión destes elementos (humidades, perdida de cor por mala iluminación…). Para iso é necesario un acondicionamento da sala e das vitrinas. Segundo a natureza material das obras expostas estas condicións poden variar moito xa que non se conserva de igual modo un resto de natureza arqueolóxica que unha escultura ou unha pintura. O Museo é o garante do benestar e salvoconducto das obras alí depositidas, polo que debe vixiar o bo estado de conservación de todos os bens depositados na súa sede.
En relación co punto anterior, un asunto moi importante á hora de elaborar unha exposición é o seguro. En moitos casos as obras expostas son préstamos de artístas ou doutros Museos ou Institucións. Nas exposicións temporais nas que as obras se trasladan dun sitio a outro se adoita contratar un tipo de seguro que se denomina “de cravo a cravo” que garante o perfecto mantemento da obra durante toda a duración da montaxe ata o desmonte. Un último aspecto é o da manipulación manual das obras, a embalaxe e transporte. Débense empregar sistemas de embalaxe para a conservación preventiva, protección térmica e de vibracións, madeiras antiparasitárias. O transporte debe garantir un sistema antirrobo, sistema de detección de incendios, suspensión pneumática, sistema de climatización, seguimento GPS…
Con esta breve sístesis esperamos achegar aos nosos visitantes ao traballo interno do Museo das Peregrinacións e de Santiago, e deste xeito aumentar a transparencia e entendemento coa sociedade, depositario fianal dos bens patrimoniais que albergamos.