NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOSHORARIOSHORARIOS
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN

RESTAURACIÓN DA REIXA DA CASA GÓTICA

Mércores, 31 de Xullo de 2019

Este ano levouse a cabo a restauración da reixa do patio do Museo das Peregrinacións e de Santiago “Casa Gótica” (San Miguel nº4, sede administrativa do Museo). Debido ás inclemencias climáticas propias da cidade de Santiago e ás diversas intervencións que sufríu a forxa era necesario un traballo de restauración e consolidación.

Se ben a coñecida como Casa Gótica ten os seus orixes cara mediados do século XIV, viuse modificada e ampliada ao longo dos séculos. Constituíu a sede principal do morgado instituído por Roi Martínez de Carballido a mediados do XVI e foi residencia de importantes persoeiros da vida social da cidade. É salientable a actuación feita a mediados do século XVIII polo arquitecto Lucas Ferro Caaveiro da que se conserva a escaleira con balaustrada de pedra imitada en madeira nos andares superiores, unha lareira, e a estrutura de boa parte do inmoble. As remodelacións levadas a cabo entre os anos 50, 60 e mediados dos 70 do século XX configuraron os espazos e volumes definitivos da edificación actual. Nun destes episodios engadiuse a reixa de ferro forxado, moi similar a outras que podemos atopar no casco histórico ou en elementos patrimoniais da cidade, aínda que a día de hoxe descoñecemos a cronoloxía exacta na que a reixa pasou a formar parte de edificio. 

Estado previo da forxa:
As alteracións máis importantes que presentaba o forxado da reixa eran: a oxidación (interacción da auga co oxíxeno), a corrosión (derivada das condicións medioambientais), as faltas volumétricas (desprendementos), soldaduras e fixacións non apropiadas, fisuras e fendas, uso de morteiros inadecuados para a unión coa cantería e o deterioro do mecanismo de funcionamento da pechadura orixinal.

Actuación:
A restauración da reixa foi levada a cabo baixo a supervisión de restauradores de Patrimonio seguindo os mecanismos de forxado tradicional por Forxa Chago, SL. Os traballos de intervención que se realizaron foron os de desmonte, eliminación da corrosión, colocación de próteses nas faltas de volume, reposición de pezas, enderezados, selado de fisuras e acabado cunha protección final mediante aplicación de imprimación epoxi e grafito.

Tras rematar os traballos descritos, quedou instalada a nova reixa restaurada no verán de 2019 na Casa Gótica de San Miguel (sede administrativa do Museo das Peregrinacións e de Santiago).

Podes ver o cambio en https://bit.ly/2yp9tbN