NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOSHORARIOSHORARIOS
TARIFASTARIFASTARIFAS
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN

A Virxe do Leite de Santa María de Conxo.

Martes, 1 de Marzo de 2022

Unha das novidades máis destacadas deste ano é a incorporación á exposición permanente da peza atopada no leito do río Sar en xuño do 2020. A figura ‘Virxe do Leite de Santa María de Conxo’ exponse na segunda planta do #MDPS. Esta área está destinada á historia de Compostela, onde as pezas procedentes da arqueoloxía urbana contextualizan a evolución da cidade. 

A Virxe do Leite de Santa María de Conxo:
A Virxe do Leite é un tema moi prolífico no gótico. Esta peza, posiblemente orixinaria do mosteiro de Santa María de Conxo, é, xunto coa de Santa María Salomé, un dos primeiros modelos galegos de Virxe do Leite sedente, coroada e bendicida por dous anxos con incensarios que serve de trono ao seu Fillo.

En canto a súa autoría, o equipo de expertos implicado no proceso atribúe esta escultura a un taller ourensán de influencia burgalesa, responsable tamén da Virxe de Santa María de Salomé e do tímpano de San Fiz de Solovio, ambos en Santiago. Ademais, sitúan a súa cronoloxía a principios do século XIV.

Destacan á vista varias eivas. As que chaman máis a atención son as mutilacións do rostro da Virxe e a cabeza do Neno; é moi probable que isto se fixese intencionadamente para desacralizar a figura e poder destinala a un uso profano.

Unha das misións do Museo é facilitar a lectura do ben na procura da súa posta en valor. A peza exponse buscando garantir as mellores condicións de conservación e permitirlle ao visitante visualizar todos os detalles da obra, incluído o florón inferior.

Achado e depósito no Museo:
A peza foi atopada o 5 de xuño de 2020 no leito do río Sar nunha localización próxima ao mosteiro do Santa María de Conxo. É moi probable que formase parte da antiga fachada da igrexa do devandito mosteiro antes de ser reutilizada nunha presa próxima, que ao romper transportou a Virxe ata o lugar onde se encontrou.

A lexislación establece que os achados arqueolóxicos do concello de Santiago de Compostela deben ser depositados no Museo das Peregrinacións e de Santiago. A escultura forma parte da colección deste centro dende que ingresou o 15 de xuño de 2020. Este museo, como institución museística nacional e centro público, está encargado da súa catalogación, investigación, exhibición e comunicación á sociedade.

A recuperación desta Virxe do Leite de Santa María de Conxo supón incorporar ao noso patrimonio artístico unha das pezas máis expresivas do taller ourensán talladas na Compostela do século XIV.

Restauración:
A intervención realizada tivo que facer fronte tanto á deterioración causada por factores ambientais como á producida pola man do home. Os danos máis evidentes e graves foron ocasionados pola humidade á que estivo sometida, xa que permaneceu somerxida máis de 30 anos no leito do río Sar tralo citado colapso da presa.

Tras a súa retirada do río, a peza artística foi trasladada ás dependencias do Museo, onde un grupo de expertos investigou a importancia patrimonial deste achado ao tempo que se poñía en marcha un delicado proceso para garantir a súa conservación. Nun primeiro momento procedeuse ao depósito da peza nun contedor de auga desionizada para debilitar a capa biolóxica. A continuación, realizouse a limpeza superficial con métodos mecánicos e auga sen aditivos, así como a consolidación de fendas cun micro-morteiro. Finalmente, realizouse un secado controlado en cámara estanca do exceso de humidade. En todo o proceso garantiuse a maior eficacia posible ao tempo que se minimizaba o risco de danar a figura.

Repercusión en prensa:

https://www.cultura.gal/gl/nova/88117

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2022/02/20/siete-siglos-enigmas-tras-virxe-do-sar-rescatada-pescador-conxo/0003_202202G20P10991.htm

https://www.europapress.es/galicia/noticia-museo-das-peregrinacions-santiago-incorpora-virxe-do-leite-restaurada-hallazgo-rio-sar-2020-20220212133655.html

https://www.elcorreogallego.es/santiago/la-virgen-del-sar-ya-luce-mejor-rostro-tras-completarse-una-primera-limpieza-GL5409392?imageNumer=2