NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOSHORARIOSHORARIOS
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN

Iconas Rusas

-

Presentación dunha colección

A exposición ten por obxecto mostrar unha reducida selección dun importante depósito recibido recentemente para a súa custodia, estudo e exhibición no MDPS. O que vai posibilitar un meirande aproveitamento social e cultural dun conxunto de titularidade privada que practicamente non se coñecía no ambiente museístico.

Trátase dun conxunto de mais de 250 pezas, das que case a totalidade son iconas da escola rusa encadrables en tipoloxías e cronoloxías diversas, datables entre o século XV e o XX, cunha maior representación de iconas producidas ao longo do XIX, todas elas dunha alta calidade artística e dun importante valor cultural. A exposición é unha escolma de 35 iconas representativas da colección, que pretende dar a coñecer ao público a incorporación deste conxunto.

“Iconas rusas. Presentación dunha colección” é a antesala do que será unha grande exposición temporal que incluirá a totalidade da colección de iconas e que terá cabida na nova sede do MDPS, no edificio do antigo Banco de España na praza de Praterías.

Este conxunto de pezas é sen ningunha dúbida, unha das mellores coleccións de iconas existente nestes momentos na Península Ibérica. O depósito desta importante colección no MDPS é unha demostración do interese que existe en moitos propietarios de bens culturais de poñelos ao servizo da sociedade civil a través da súa cesión a unha institución pública que conta cunha maior capacidade para xestionar o seu aproveitamento social e cultural. Por ese motivo, accións deste tipo deben contar co recoñecemento do público e serviren para concienciar á sociedade da importancia de apoiar as iniciativas das institucións públicas.

As iconas rusas recollen unha tradición secular, xa que son unha evolución do tipo de representación iconográfica que se inspira directamente nos arquetipos creados no mundo bizantino. Por outro lado, é innegable o seu atractivo como obras de arte, con representacións figurativas que mantiveron a súa estrutura, simbolismo e valores cromáticos case sen variación ao longo dos séculos.