NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOSHORARIOSHORARIOS
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN

DÍA DO PATRIMONIO

O Museo das Peregrinacións e de Santiago súmase á iniciativa da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega para a celebración da Semana do patrimonio moble, coincidindo co Día Internacional do Patrimonio Mundial que ten lugar cada 16 de novembro.

Para tal fin, organízanse distintas actividades entre as que figuran: XORNADA DE PORTAS ABERTASO PATRIMONIO DO MDPS EN REDE e UN MUSEO EN CRECEMENTO, na que se vai dar a coñecer á cidadanía algunhas das últimas adquisicións.

Nunha das salas do museo instalaranse, dun xeito provisional, dous óleos sobre táboa recentemente adquiridos polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte con destino á colección do museo. Os técnicos do museo, que desenvolven o seu labor fóra da vista dos visitantes, estarán toda a mañá dese día comentando aos asistentes aspectos diversos relacionados coa xestión habitual que cumpre a institución museística e que posibilita que os bens culturais poidan ser contemplados pola cidadanía.

As dúas táboas, que serán presentadas ao público nese día, están datadas na primeira metade do século XVI e representan senllas pasaxes do lendario ciclo da translación terrestre do corpo de Santiago desde Iria Flavia a Compostela.

Na primeira delas, coñecida como Fuxida de Teodoro e Atanáseo, podemos ver unha ponte rota sobre a que se sitúan dúas parellas, unha a cada lado da ponte. As dúas figuras da dereita do espectador, cun aspecto pacífico, son os discípulos de Santiago. Os da parte contraria, asustados polos acontecementos, forman parte do exército que o rei de Duio (Dugium) envía para capturar a Atanáseo e Teodoro que foran liberados milagrosamente da prisión. Outros perseguidores precipitáronse ao río ao se romper a ponte e quedaren así libres os discípulos do Apóstolo para proseguiren na súa aventura de dar sepultura ao corpo de Santiago. Esta pasaxe é coñecida tamén como A ponte da vida.

A segunda das táboas, A Raíña Lupa vendo pasar o corpo do Apóstolo, recolle outro dos momentos importantes do ciclo da translación. Un carro, tirado por bois, transporta o corpo de Santiago ante a expectación dos viandantes. Unha arquitectura paticada moi estudada completa o fondo da representación, destacando no balcón central da primeira planta, a figura da raíña Lupa acompañada por personaxes da súa corte con vistosa indumentaria.

É este un dos últimos episodios do ciclo da translatio e conta como Atanáseo e Teodoro, despois de teren sido enganados pola raíña Lupa co episodio do Pico Sacro, a onde os enviara para prestarlles os bois cos que tirar do carro co corpo apostólico. Os bois resultaron ser bravos touros pero, unha vez máis de xeito milagroso, se amansaron. Así pois Lupa, ao ver que os discípulos de Santiago conseguiran superar esa difícil proba, renunciou ás súas conviccións pagás e converteuse á fe de Cristo.

Estas dúas táboas, pertencentes moi posiblemente a un retablo elaborado no treito aragonés do Camiño de Santiago, dispoñen dun valor especial no entorno da cidade de Santiago, onde se desenvolven os míticos feitos que representan. Nas súas proximidades atópase Iria Flavia, o Pico Sacro, o Castro Lupario, o río Tambre (onde se situaría a ponte rota) e, aínda que algo máis lonxe, o lugar de Duio, camiño de Fisterra.

A súa incorporación á colección do Museo das Peregrinacións e de Santiago supón un incremento cualitativo moi importante da iconografía relacionada coa figura de Santiago o Maior e cos ciclos da súa lendaria existencia.

Enlace á web do Consello da Cultura Galega: http://consellodacultura.gal/dia-do-patrimonio-2017.php