De Martes a Venres
09.30 - 20.30 h
Sábados
11 - 19.30 h
Domingos e Festivos
10.15 - 14.45 h
Pechado
Todos os luns do ano
1 e 6 de xaneiro
1 de maio
24, 25 e 31 de decembro
Praza das Praterías, 2.
15704 Santiago de Compostela
A temática asignada polo ICOM ó Día Internacional dos Museos 2020 é “Museos pola igualdade: diversidade e inclusión”. O Día Internacional dos Museos #DIM2020 ten como obxectivo converterse nun punto de encontro para celebrar a diversidade de perspectivas que conforman as comunidades e o persoal dos museos, así como promover ferramentas para identificar e superar os prexuízos no que os museos mostran e nas historias que contan.
A pesar da actual situación de pandemia, o #DIM2020 celebrarase mediante a organización de actividades en liña. Non queremos perder o contacto co noso público e por iso pensamos nunha serie de actividades para todos os públicos que poderedes seguir desde a casa.
Venres 15 de maio
Meditación online [Todos os públicos]
20:30h / Jesús Alcaide. Escola Orient - Arte.
No Museo vense traballando dende hai moito tempo con contidos expositivos que fan referencia a culturas orientais. Ese aspecto permítenos propoñer unha actividade de relaxación-meditación que, aínda que non exclusiva de oriente, foi popularizada a partir do contacto con ditas culturas. A finalidade será relaxar e destensar musculatura ao tempo que logramos transformar estados de ansiedade e estrés en outros de tranquilidade mental e benestar físico. A actividade estará guiada en todo momento por Jesús Alcaide, fundador da escola Orient-Arte, cunha longa experiencia nestas prácticas.
A sesión poderá seguirse na canle de Facebook do Museo.
Sábado 16 de maio
Obradoiro infantil: animalario fantástico [Nenos e nenas entre 5 e 12 anos]
17:00h / Crearte. Duración 50 min.
Neste obradoiro, nenos e nenas participarán nunha amena actividade ligada cos contidos do Museo. Os animais reais ou nas súas figuracións míticas, serán a fonte de inspiración para crear novas hibridacións alegóricas. A actividade, guiada realizarase de xeito virtual a través dunha plataforma online sendo precisa unha inscrición previa por mail en difusion.mdperegrinacions [at] xunta.gal ou no 696 68 22 31.
Ad Loca Sancta. Concerto Egeria Ensemble.
20:00h / Duración 45 min.
Este quinteto de música vocal feminino especializado en música antiga interpreterá pezas relacionadas coas zonas do itinerario ata Terra Santa seguido no século IV por Exeria, a primeira viaxeira da historia en deixar un documento escrito do seu periplo.
O concerto será retransmitido pola canle de Facebook do Museo.
Domingo 17 de maio [Día das Letras Galegas]
Monólogo. Quico Cadaval
19:00h / Duración 40 min.
Neste día das Letras Galegas deleitarémonos, dende o humor, coas historias baseadas nas tradicións galegas e doutras culturas, que conecten co Camiño de Santiago, co Museo e co concepto de itinerario vital.
Transmitirase pola canle de Facebook do Museo.