De Martes a Venres
09.30 - 20.30 h
Sábados
11 - 19.30 h
Domingos e Festivos
10.15 - 14.45 h
Pechado
Todos os luns do ano
1 e 6 de xaneiro
1 de maio
24, 25 e 31 de decembro
Praza das Praterías, 2.
15704 Santiago de Compostela
Como cada mes de maio o Museo das Peregrinacións conmemora dous eventos singulares que conviven próximos no calendario: o Día das Letras Galegas e o Día Internacional dos Museos (DIM), o 17 e 18 de maio respectivamente. Co primeiro celebramos a lingua e literatura galegas e co segundo reivindicamos os museos como centros culturais de relevancia.
Ambas as efemérides teñen cada ano un tema específico, coa finalidade de achegarse a un matiz concreto ou a un persoeiro ao que cómpre rendir homenaxe. O DIM 2026 actúa baixo o lema "Museos unindo un mundo dividido", para destacar o potencial dos museos como pontes entre as divisións culturais e lugares de diálogo e entendemento. As Letras Galegas conmemoran á escritora e xornalista Begoña Caamaño, autora dunha prosa feminista e comprometida con obras como Circe ou o pracer do azul (2009) ou Morgana en Esmelle (2012).
Co fin de festexar estas datas, o Museo das Peregrinacións prepara unha serie de actividades durante a próximo fin de semana, sábado 16 e domingo 17, e o luns 18 de maio.
OBRADOIRO DE TORNO E OLARÍA E BARRO
16:30 - 19:30h
Antón Román
Soportais do Museo (Praza das Praterías)
Todos os públicos
Sen inscrición previa
Achegarémonos ao oficio de traballar o barro e a cerámica grazas a dúas “estacións de traballo” ou lugares de experimentación e cunha relevante presenza de obxectos inspirados en pezas do propio Museo. Realizaremos unha práctica asistida no torno de oleiro e reproducirase un fondo, que poderá ser unha cuncha ou incluso unha réplica en miniatura das esculturas de Carboeiro.
CONCERTO: MÚSICAS QUE UNEN
18.00 - 19.00 h.
Nicolás Otero
Zona exterior -(Praza das Praterías)
Todos os públicos
Sen inscrición previa
A linguaxe universal da música serve como nexo entre grupos humanos. O clarinetista da Banda Municipal de Santiago interpretará temas de diversos focos culturais. Achegaranos interpretacións dende a perspectiva americana por medio do tango, a samba, o blues e a música andina; de África tocará ritmos do centro ata o norte, pasando á música xudía; Asia estará representada por sons hindús, tibetanos, chineses e xaponeses, e mesmo chegará a Oceanía. Os ritmos europeos percorreraos grazas ao emprego da tarantella, un baile de ritmo moi rápido e alegre do sur de Italia.
Nicolás Otero empregará parte da familia do clarinete, dende o requinto ou clarinete Mib ata o clarinete baixo. Se o tempo acompaña, proxectará as súas composicións dende o balcón do museo á Praza das Praterías.
A RAMONA PEQUENA VAI Á LÚA
12.00 - 13.00h.
Pakolas
Auditorio do Museo
Público infantil e familiar
Entrada libre ata completar aforo
A voz, a guitarra e toda a forza interpretativa de Pakolas guiaranos por unha divertida viaxe polo seu universo musical, no que se fomenta a participación e interacción con nenos e nenas.
HOMENAXE A BEGOÑA CAAMAÑO
Vídeo-homenaxe (6 min.) dispoñible na 3ª planta do museo durante os días 16, 17 e 18 de maio.
CONFERENCIA: CARBOEIRO, ESPOLIO E RECUPERACIÓN PATRIMONIAL
19.00 h.
Francisco Prado Vilar
Auditorio do Museo
Todos os públicos
Entrada libre ata completar aforo
No 2023, Francisco Prado Vilar sacou á luz unha serie de documentos probatorios da desaparición duns relevos da igrexa do mosteiro de Carboeiro, en Silleda, e que nese momento formaban parte da colección do Museo Marés, no concello de Barcelona. A partir disto, iniciáronse xestións para a súa recuperación. Deste proceso e doutras cuestión, falaranos o historiador.
*O museo fará unha apertura extraordinaria para asistir á conferencia.
Todas as actividades son de balde e non requiren inscrición previa. A entrada é libre ata completar capacidade.