NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOSHORARIOSHORARIOS
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN

MUSEO EN FAMILIA

Durante os meses de outubro a decembro o MDPS pon en marcha a segunda edición de Museo en Familia, un programa de actividades para converter o Museo nun espazo de encontro cultural destinado a todos os públicos, con especial atención aos máis cativos e cativas e ao seu entorno familiar.
Nesta edición contamos con novidades nos obradoiros infantís e xuvenís nos que se busca potenciar a creatividade e a imaxinación dos cativos e cativas e dos pequenos mozos e mozas. Con esta variedade de talleres poderán deixar voar a súa imaxinación e crear novas personaxes tanto no papel, cos obradoiros de cómic, como no prato, cos obradoiros de froitas e verduras.
Conxúgase unha oferta cultural na que contacontos e artistas ofrecen unha alternativa musical, literaria e didáctica para os seráns de Museo en Familia.

Sábado 5 de outubro [18:00h]
Espectáculo musical infantil: Magín Blanco
Camiños é a nova aventura de Magín Blanco, un dos mellores músicos e compositores de Galicia dedicados ao público infantil e xuvenil. Neste fermoso e completo traballo, Magín, xunto ao ilustrador Leandro Lamas, presenta un libro–disco acompañado de espectáculo musical no que inicia un novo camiño cheo de aventuras e misterios.
Camiños é unha metáfora da vida onde conflúen música, teatro, poesía e contos, para estimular e enriquecer a imaxinación e a creatividade dos nenos e nenas. Acompañados da inspiradora música de Magín, econtrarán claves e pistas a través das cancións, contos, poemas e textos de destacados escritores e escritoras galegos, que á vez que os divirten contribúen ao seu desenvolvemento emocional.

Sábado 19 de outubro [18:00h]
Contacontos: Os contos de Pablísimo “O Paroleiro”
O Paroleiro é moi amigo de parolar… gosta de laretear, enredar, falar e de contar. Conta sucedidos, historias e sobre todo moitos contos que leva na súa memoria, nas súas maletas, nos seus petos e nos seus zapatos.

Sábado 26 de outubro [12:00h]
Obradoiro infantil: Ñam!, obradoiro con froitas e verduras
Descobre o artista que levas dentro! Neste obradoiro empregarás unha gran variedade de alimentos: hortalizas, froitas, froitos secos, macarróns… cos que ilustrarás os personaxes que broten da túa imaxinación.
Máis información en http://www.babaluva.com/es/nam/
[Inscricións para os obradoiros na recepción do Museo ou chamando ao 881 867 401]

Sábado 26 de outubro [19:00h]
Concerto: Coralie Yap Chine
Coralie Yap-Chine (vocalista, Francia), presenta o proxecto #LaBanlieue en formato quatuor
. Unha lembranza literario-musical sobre a súa xuventude nos barrios populares das aforas de París nos anos 80.
Integrantes:
Coralie Yap-Chine (voz, Francia)
Mauricio Caruso (guitarra, Brazil)
Vadim Yukhnevich (acordeón, Bielorusia)
Pablo Pérez Sanmamed (contrabaixo, Galicia)

Sábado 16 de noviembre [17:00 h]
Coñece o Museo en familia

Visita e coñece o Museo das Peregrinacións e de Santiago cun percorrido guiado coa tradición dos contacontos. O público terá a ocasión de coñecer as pezas expostas e gozar con lendas, anécdotas e curiosidades relativas ao Camiño de Santiago e á propia historia da cidade. Deste xeito os relatos e a súa riqueza inmaterial que, pola súa natureza non se poden expoñer nunha vitrina, serán o fío condutor para descubrir todas as historias que os bens culturais non poden contar de viva voz.
[Grupos de máximo 25 persoas según orde de chegada ata completar aforo]

Sábado 16 de noviembre [18:00 h]
Contacontos: Ana Ponte
“Camiño de contos” é un espectáculo de narración oral no que Iria, unha moza que ven de facer o Camiño Portugués, unha vez chegada a Santiago debuxa unha serie de contos que escoitou en varias localidades durante o seu percorrido. Risos, curiosidades e historias do máis variado visitarán o Museo das Peregrinacións e de Santiago da man de Ana Ponte.

Sábado 23 de novembro [12:00h]
Obradoiro infantil: Taller de cómic I
O obradoiro consistirá na realización dunha páxina de cómic sinxela e autoconclusiva para que os nenos e nenas se familiaricen co medio, coa narrativa (os diferentes planos) e os seus recursos (onomatopeias, liñas cinéticas, etc…) dunha maneira sinxela e divertida.
Desenvolverase en dúas xornadas de 1h e 30 min cada unha.
Taller de Comic I: Breve introducción, nocións básicas e debuxo a lápis.
[Inscricións para os obradoiros na recepción do Museo ou chamando ao 881.867.401]

Sábado 23 de novembro [19:00h]
Concerto: Mielitza
Mielitza é máis que un proxecto musical. As súas notas, os seus acordes, as súas letras… en definitiva, as súas cancións, poden chegar a ser grandes como planetas formando unha galaxia ou pequenas como átomos formando unha molécula.
Apoiada nas composicións, voz e guitarra de Carla López, secundada por Iago Mouriño ao piano, esta proposta pretende percorrer unha viaxe que arranca desde esa minúscula infinidade a unha grande inmensidade, describindo un universo emocional único.

Sábado 30 de novembro [12:00h]
Obradoiro infantil: Taller de cómic II
O obradoiro consistirá na realización dunha páxina de cómic sinxela e autoconclusiva para que os nenos e nenas se familiaricen co medio, coa narrativa (os diferentes planos) e os seus recursos (onomatopeias, liñas cinéticas, etc…) dunha maneira sinxela e divertida.
Desenvolverase en dúas xornadas de 1h e 30 min cada unha.
Taller de cómic II: Acabado da páxina realizada no anterior obradoiro, entintado e rotulación.
[Inscricións para os obradoiros na recepción do Museo ou chamando ao 881 867 401]

Sábado 30 de novembro [19:00h]
Concerto: Rafa Fernández “A cara bonita da pedra”
“A cara bonita da pedra” é o segundo traballo discográfico de Rafa Fernández, unha sorprendente visión de mestura de jazz e blues. Un disco de baladas donde a protagonista é a guitarra.
Integrantes:
Rafa Fernández (guitarra eléctrica e acústica)
Virxilio da Silva (guitarra eléctrica)
Álex Salgueiro (teclados)
Juan Cañada (contrabaixo)
Iván Torres (proxeccións)

Sábado 14 de decembro [17:00h]
Coñece o Museo en familia
Visita e coñece o Museo das Peregrinacións e de Santiago cun percorrido guiado coa tradición dos contacontos. O público terá a ocasión de coñecer as pezas expostas e gozar con lendas, anécdotas e curiosidades relativas ao Camiño de Santiago e á propia historia da cidade. Deste xeito os relatos e a súa riqueza inmaterial que, pola súa natureza non se poden expoñer nunha vitrina, serán o fío condutor para descubrir todas as historias que os bens culturais non poden contar de viva voz.
[Grupos de máximo 25 persoas según orde de chegada ata completar aforo]

Sábado 14 de decembro [18:00h]
Espectáculo familiar: Xarope Tulú “Estrafalaria”
“Estrafalaria” é un espectáculo que combina a narración oral coa manipulación de obxectos, onde o público participa activamente do relato. As personaxes que interveñen na historia caracterízanse pola súa peculiaridade e levan a diferenza como bandeira.
Este espectáculo ten como obxectivo transmitir a idea da diversidade como valor enriquecedor e imprescindible para que a sociedade evolucione cara un mundo donde predomine a tolerancia, a solidariedade e a integración. Ese mundo no que, como mulleres, podemos coñecernos e ser nós mesmas en cada momento.
Ficha artística:
Dirección: Atenea García e Nicolás Zamorano
Interpretación: Atenea García e Nicolás Zamorano
Vestiario e atrezzo: Nicolás Zamorano

Sábado 21 de decembro [12:00h]
Obradoiro infantil: Monicreques con refugallo
Goza transformando o ordinario en algo extraordinario! Neste obradoiro reutilizaremos tubos de cartón, teas, las, rafias, restos de alfombras e unha gran variedade de materiais textís. Anímate a aventura de descubrir os teus talentos artísticos utilizando material de refugallo!!
Máis información en http://www.babaluva.com/GL/titeres-de-obxectos/
[Inscricións para os obradoiros na recepción do Museo ou chamando ao 881 867 401]

Sábado 21 de decembro [19:00h]
Concerto lírico: Estibaliz Espinosa e Juanma Varela
Concerto a Vía Lactea. A mezzosoprano Estibaliz Espinosa e Juanma Varela ao piano serán o peche de ouro para a segunda edición de Museo en Familia. Maiores, pequenos e pequenas poderán gozar do prodixio vocal da nova soprano compostelá e do consagrado pianista Juan Manuel Varela Louro, ofrecendo un serán lírico ás portas do Nadal.