NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOHORARIOHORARIO
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN

DÍA DAS BIBLIOTECAS 2024. Novo centro de interese na biblioteca do museo: Tradición xacobea (I). Inventio

Xoves, 24 de Outubro de 2024

Unha inventio na Idade Media non tiña o mesmo sentido que lle damos na actualidade. A palabra latina inventio ten dúas acepcións, invención e achado, descubrimento. Na tradición medieval eran frecuentes as «invencións de reliquias», é dicir, o achado do corpo ou reliquias dun santo baseado en sonos ou revelacións divinas previas (revelatio).

A inventio xacobea é un dos piares dos mitos e a tradición do culto ao apóstol Santiago. Segundo esta, a revelatio recíbena un ermitán, Paio, que observa unhas estrañas luminarias nun cemiterio abandonado; e o bispo de Iria, Teodomiro, cando tras varios días de xexún e meditación, uns anxos lle revelan que nese lugar se atopa o sepulcro de Santiago o Maior.

Teodomiro visita o lugar acompañado doutros fieis e recoñece o sepulcro apostólico nun edículo de pedras e mármore, feito que corrobora Afonso II de Asturias (inventio). A partir de aí créase un novo santuario, ao redor do cal nacerá a cidade de Santiago e a peregrinación ligada a ela.

A primeira narración por escrito coñecida destes feitos é do ano 1077,  na Concordia de Antealtares, dous séculos despois da propia inventio, datada entre o 820 e 830. Esta era un documento de concordia entre o bispo Diego Peláez e o abade do mosteiro de san Paio de Antealtares, San Fagildo, que recollía os acordos entre ambas partes ante a construción da catedral románica. Máis tarde aparecerá tamén na Historia compostellana e no Liber Sancti Iacobi

[Selección de libros]