NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOSHORARIOSHORARIOS
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN

Novidades expositivas

Luns, 1 de Agosto de 2022

«A luz do Camiño» é un símbolo da subsistencia do Camiño nun dos momentos máis duros que vivimos durante a pandemia orixinada polo Covid-19. No ano 2020, momento de peches perimetrais, confinamentos e restricións, un grupo de peregrinos e peregrinas idearon unha bonita forma de seguir coa tradición do Camiño de Santiago cumprindo coa normativa legal vixente. Sería unha mochila «A Nena» a que faría o Camiño, sendo esta a única que podía traspasar os limites perimetrais do confinamento. O 24 de xullo de 2020, «A Nena» obtivo a súa Compostela. 

No ano 2020, momento no que comezou a pandemia do coronavirus, esta mochila cargada de obxectos simbólicos, percorreu o Camiño Francés desde Roncesvalles até Santiago de Compostela. Cumpría dous obxectivos: manter viva a chama do Camiño e homenaxear ás vítimas do Covid-19.

Os que concibiron esta singular iniciativa foron Jesús Ciordia e Mariló Pérez, dous veteranos  peregrinos que á súa vez deron nome ao proxecto: «Luz do Camiño».

A idea era que a mochila fixese a peregrinación, pero era un momento moi complicado e difícil de confinamentos, restricións e peches perimetrais. A única forma de logralo, cumprindo coa normativa legal vixente naquel momento, era pasándose a mochila e trasladándoa en substitucións. Desta forma cruzou provincias e comunidades autónomas grazas a máis de cen peregrinos e peregrinas entre o 19 de xuño – día da saída de Roncesvalles– e o 24 de xullo – chegada a Compostela–.  

Estes peregrinos e peregrinas foron incluíndolle obxectos que a enriqueceron e a singularizaron: dúas vieiras, fotos, as mans de Mocho –obxecto elaborado por este coñecido peregrino e que se converteu en símbolo do Camiño–, pulseiras, chaveiros, un foco de luz –que simbolizaba a subsistencia do Camiño– e un saco de intencións no que os peregrinos introducían escritos cos seus desexos para que fosen lidos na praza do Obradoiro.

O agarimo e a devoción coa que todos se foron unindo a este proxecto levounos a darlle nome á mochila, coñecida como: «A Nena».

Durante o seu percorrido, foi bendicida en varios lugares: Roncesvalles, Estella e a Catedral de Burgos, entre outros. Finalmente chegou a Santiago de Compostela o 24 de xullo de 2020, expedíuselle unha Compostela e celebrouse unha misa especial para ela na Catedral de Santiago de Compostela.

Ligazón ao vídeo sobre a viaxe da Nena:  https://youtu.be/t_329P8IUug