NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOSHORARIOSHORARIOS
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN

Novidades expositivas: Táboas da Translatio

Venres, 4 de Marzo de 2022

Fuxida de Teodoro e Atanasio’ e ‘A raíña Lupa vendo pasar o corpo do Apóstolo Santiago

As táboas presentadas posiblemente pertenzan a un retablo do tramo aragonés do Camiño de Santiago. Dispoñen dun valor especial na contorna da cidade de Santiago, onde teñen lugar os acontecementos relatados no lendario da Translatio. Nas súas proximidades está Iria Flavia, o Pico Sacro, o Castro Lupario (residencia mítica da raíña Lupa), o río Tambre ou, aínda que máis afastado, cerca de Fisterra, o enclave de Duio ou Dugium

Pódense establecer paralelos estilísticos e temáticos coas táboas de Martín Bernat, ‘Embarque en Jafa del cuerpo de Santiago el Mayor’ e ‘Traslado del cuerpo de Santiago el Mayor ante el palacio de la reina Lupa`. A primeira delas, depositada temporalmente polo Museo del Prado no Museo das Peregrinacións e de Santiago, onde se narra o traslado do corpo do Santiago en barca en Jafa despois da súa decapitación.

Este tipo de representacións sobre os ciclos xacobeos comezan a tomar gran forza inmediatamente despois do descubrimento do sepulcro (ca. 820-830). Entre eles, a lenda fantástica da translación adquire unha singular importancia. O documento máis antigo que recolle a viaxe do corpo apostólico desde Xafa ata Iria Flavia (Padrón) para enterralo na actual Compostela é a carta apócrifa atribuída a un papa León (algúns autores asígnanlla a León III) que se sitúa no propio século IX e que chegou ata nós en diferentes versións. O propio Códice Calixtino do século XII recolle unha destas versións coa finalidade de difundir o culto ao Apóstolo e a súa peregrinación. Así, o libro III do citado códice dedícase integramente a referir o traslado desde Xafa. De todas formas, o libro con máis éxito a nivel internacional para difundir a vida do apóstolo Santiago, incluído a súa translación, sería a Legenda Aurea de Santiago da Vorágine, da segunda metade do século XIII. Recompila información elaborada sobre a translatio. É esta a versión que pode ser considerada como definitiva e sen dúbida a que máis influencia tería na iconografía dos séculos posteriores, tal e como se ve nesta obra.

Fuxida de Teodoro e Atanasio 
[Nº Inv. 1958]

A obra recolle unha representación na que desataca unha ponte rota sobre a que se sitúan dous grupos de dúas persoas a cada lado. O artista introduce elementos arquitectónicos nas beiras do río así como elementos da paisaxe. Vense dúas figuras da dereita do espectador, con aspecto pacífico e dúas á esquerda, soldados, que parecen perseguir ás dúas anteriores. Outros soldados precipítanse ao río tras romperse a ponte.

Así, as dúas figuras da dereita do espectador, con aspecto pacífico, correspóndense a Atanasio e Teodoro; as dúas da esquerda, asustadas sen dúbida polo acontecemento, son membros do exército do rei de Duio (Dugium), encargados de perseguir aos discípulos de Santiago que foran enviados pola raíña Lupa. Outros membros do exército precipítanse ao río tras romperse milagrosamente a ponte e deixar libres así a Atanasio e Teodoro. Poderán así proseguir coa difícil misión de localizar un lugar para darlle sepultura ao corpo do Apóstolo.

A raíña Lupa vendo pasar o corpo do Apóstolo Santiago 
[Nº Inv. 1959]

Un carro tirado por bois transporta o corpo de Santiago ante a expectación dos viandantes. Unha arquitectura moi estudada completa o fondo da representación, destacando no balcón do primeiro andar unha figura real acompañada de varios personaxes da súa corte.

Nesta táboa represéntase unha das últimas escenas do ciclo da translación do corpo de Santiago. A raíña Lupa intentara enganar a Atanasio e Teodoro no episodio do Pico Sacro (o lendario monte Ilicino), onde os enviara na procura duns bois. Estes resultaran ser touros bravos, pero milagrosamente amansan. Tras ver que os discípulos de Santiago conseguiran suxeitar os touros ao xugo, a raíña decidirá renunciar ás súas conviccións pagás e converterse ao cristianismo.