NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOSHORARIOSHORARIOS
TARIFASTARIFASTARIFAS
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN

Novidades expositivas: Virxe sedente co Neno

Mércores, 2 de Marzo de 2022

Nº Inv. D- 228. Virxe co Neno
Obradoiro castelán ou leonés
Madeira Policromada
Finais do s. XIII – comezos do s. XIV
Depósito: colección J. Varela Villamor

Outra das novidades expositivas que poderás observar no Museo é a escultura da ‘Virxe sedente co Neno’ que complementa o novo espazo onde se sitúa  ‘A Virxe do Leite de Santa María de Conxo’.

A Virxe sedente co Neno Xesús no regazo é unha das iconografías máis profusas da imaxinería gótica. De eminente carácter didáctico, co paso dos séculos vai dominando un naturalismo resultado dunha nova sensibilidade relixiosa: María, cun suave sorriso, aparece como intercesora e estaríalle ensinando a Xesús unha hoxe desaparecida pera ou mazá. 

CONTEXTO:
A imaxinería gótica hispana cultivou de xeito destacable, durante os séculos XIII – XIV, a iconografía da Virxe sedente co Neno Xesús no seu colo. Impúxose neste proceso un afán didáctico progresivamente humanizado e tenro, cada vez máis afastado do hieratismo románico e da imaxe de sedes Sapientiae propia da sensibilidade do século XII. O éxito desta evolución estilística, máis naturalista, comeza a liberar de hermetismo á imaxinería medieval hispana protagonizada por unha relación materno filial cada vez máis fluída e próxima. Aínda subsiste unha certa inercia formal de corte tradicional: a rixidez do xesto conxelado nos xestos e na expresión da Nai e do Neno.

DESCRICIÓN:
A Virxe, de rostro amendoado e suave sorriso, aparece tocada cun veo que enmarca o cabelo e, posiblemente axudaría a soster unha coroa de madeira ou ourivería. Viste túnica e manto, as súas teas québranse en angulosos pregues por efecto da actitude sedente, e aparece entronizada nun sitial carente de respaldo.
María asume o seu papel de intercesora e móstralle a Xesús unha pera ou unha mazá (hoxe perdida) que sostiña na súa man dereita. Este froito simbólico é probablemente unha simboloxía de fecundidade (Triens, p.556) e do amor do Cristo encarnado pola humanidade.
O Neno Xesús, ataviado con elegante túnica de adulto, repousa sobre o xeonllo esquerdo da Virxe, está en actitude de bendecir e porta na súa man esquerda o Libro dos Evanxeos.
A policromía actual desta interesante Virxe con Neno do Museo das Peregrinacións e de Santiago, aínda que moi vistosa, é posterior á imaxe, posiblemente froito dun repinte realizado no século XVI.

BIBLIOGRAFÍA DE REFERENCIA:
SINGUL, Francisco. Virxe co neno [Madeira policromada, 2ª metade s. XIII - principios s. XIV] en Un museo en crecemento: Museo das Peregrinacións, adquisicións 1996-2001: exposición conmemorativa do 50 aniversario da creación do museo, coord. Mª Isabel Pesquera Vaquero. Santiago de Compostela: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, 2001. p. 210-211.

TRENS, M: María Iconografía de la Virgen en el Arte Español, Madrid, 1946.

MÁIS INFORMACIÓN:

ANDRÉS GONZÁLEZ, P.: “Virgen de Lebanza” en: Las edades del hombre. Memorias y esplendores, Catálogo de la exposición, Palencia, 1999, p. 71.

ANDRÉS ORDAX, S.: “Castilla gótica. La escultura”, en La España Gótica, vol. 9, Castilla y León 1, Madrid, 1989, p. 36 – 60.

ARRAIZA FRAUCA, J.: Por la ruta Jacobea con Santa María, Pontevedra, 1993.

CUENDE, M. e IZQUIERDO, D.: La Virgen María en las rutas jacobeas. Camino francés, Santiago, 1997.

MANSO PORTO, C.: “Relevos e retábulos. Imaxinería” en Arte Medieval (II) Galicia. Arte, A Coruña, 1996, t. XI, p. 444 – 445.

YARZA, J.: La edad Media. Historia del arte hispánico, II, Madrid, 1988, p. 241 – 242.

YARZA, J.: “Virgen sedente” en Galicia no tempo, Santiago, 1991, p. 208.