NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOSHORARIOSHORARIOS
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN

NOVO CENTRO DE INTERESE NA BIBLIOTECA DO MUSEO DAS PEREGRINACIÓNS E DE SANTIAGO: «RITUAIS DE PEREGRINACIÓN»

Mércores, 1 de Marzo de 2023

A biblioteca do Museo das Peregrinacións e de Santiago estrea novo centro de interese dedicado aos rituais de peregrinación.

Son numerosos os ritos levados a cabo ao longo do Camiño de Santiago. Moitos deles parten da época medieval e mesmo algúns son anteriores ao descubrimento da tumba do Apóstolo, sendo logo cristianizados e asumidos polos camiñantes xacobeos.

Na Idade Media, a peregrinación comezaba cando a comunidade local acompañaba ao peregrino na súa partida cun ritual de despedida.  Desenvolto nun ambiente de intensa oración (celebrábase unha misa) na que se bendicían os seus atributos: báculos (bordón), escarcelas, as súas reliquias e insignias e xeralmente, acompañábaselle en procesión na súa saída.

Outro ritual desta época é a Coronatio Peregrinorum. Realizábana os peregrinos alemáns á súa chegada á Catedral de Santiago. Simbolizaba a coroación do peregrino polo Apóstolo por ter realizado a peregrinación ata o seu sepulcro. Consistía en que o peregrino autocoroábase cunha coroa que portaba a estatua do altar maior de Santiago. Máis popular era o rito do abrazo ao Apóstolo, que realizaban camiñantes de todas as nacionalidades, documentado xa no século XIII e continua ata os nosos días. Ten lugar no camarín do Apóstolo, sobre a cripta das Reliquias e o altar maior, coa aperta por detrás á estatua románica de Santiago. Como todos os ritos, ten unha forte carga simbólica e xorde do afán do peregrino por sentir a proximidade do Apóstolo tras o esforzo realizado.

Na mesma época pénsase que tivo orixe a tradición da imposición de mans no parteluz (na Árbore de Jesé) do Pórtico da Gloria, consistente en colocar os cinco dedos da man dereita nel. Por razóns de conservación, este ritual non se permite desde o ano 2008. As teorías sobre a súa orixe son numerosas pero en realidade descoñécese o porque desta tradición. Dise que parte da tradición relixiosa da imposición de mans, que é un xesto de submisión ante as estatuas de Xesús e Santiago, tería orixe nun momento de oración ou en recordo da actitude de descanso dos peregrinos que alí se apoiaban para contemplar a súa meta.

Así mesmo, no Pórtico da Gloria, atópase o chamado Santo dos Croques, cun ritual moi posterior (pénsase que comeza no século XIX, entre os estudantes universitarios). Consistía en dar tres suaves cabezadas á figura do Mestre Mateo para herdar a súa sabedoría. Prohibiuse igualmente na actualidade polo dano sufrido. Na Catedral atópase tamén o bordón do Apóstolo, que permanece semioculto nunha columna do cruceiro nun relicario alongado. Hoxe perdeuse esa tradición, pero na Idade Media, os peregrinos obtiñan indulxencias ao pasar a man por el.

No Camiño sucédense outros ritos que teñen unha orixe precristiana. Entre estes están os milladoiros, dos que hai varios ao longo da ruta. Son montículos formados por pedras testemuñais depositadas polos peregrinos nun lugar de culto e crese que pode ter unha orixe prerromana. Os máis coñecidos son os da Cruz de Ferro (no Monte leonés Irago) e o do Monte do Gozo.

Na localidade de Eunate, en Navarra, na igrexa de Santa María, os peregrinos teñen o costume de dar tres voltas ao redor desta e logo situarse no centro para recibir enerxía, pois se considera un centro telúrico. Tamén en Puente la Reina o paso dunha beira a outra simboliza o paso dun estado terreal a outro máis celestial.

Desde o século XVI está documentada a tradición da Cruz dos Farrapos. Nesta época, despois de visitar o sepulcro apostólico, os peregrinos queimaban as súas roupas nunha cruz situada nas cubertas da catedral. Era un rito purificador, como o de lavarse en Lavacolla ou o do botafumeiro na misa do peregrino. Descoñécese cando se deixou de realizar, actualmente este rito trasladouse dalgunha maneira ao cabo Fisterra, onde algúns peregrinos queiman tamén algunha das súas pezas co mesmo sentido.

Tamén do século XVI data a entrada dos peregrinos á catedral pola Porta Santa. Para gañar o xubileu en Ano Santo é necesario visitar a tumba do Apóstolo na Catedral, rezar unha oración, confesarse e recibir a comuñón. O ritual de apertura e peche da Porta Santa anuncia o principio e o final do Ano Xacobeo.

Se che interesan estes rituais e queres coñecer moitos máis, podes acudir á nosa biblioteca, onde fixemos unha selección da bibliografía sobre este tema. Recorda que estamos na nosa sede da rúa San Miguel e o horario é de luns a venres, de 9.00 a 14.30 h.

Selección de libros.