NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOHORARIOHORARIO
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN

Novo centro de interese na biblioteca do Museo: os beatos.

Luns, 22 de Decembro de 2025

Biblioteca do Museo das Peregrinacións presenta un novo centro de interese: os beatos.

Coñécense como «beatos» a un conxunto de 35 manuscritos, realizados entre os séculos IX e XII, que reproducen un orixinal do século VIII atribuído a Beato de Liébana: o célebre «Comentarios á Apocalipse de San Xoán». Moitos deles están iluminados con fantásticas imaxes, miniaturas de gran expresividade e vivas cores. Son uns dos textos medievais máis populares no seu tempo, e máis estudados na actualidade.

Pero, quen foi Beato de Liébana?

Un eclesiástico, posiblemente monxe, que viviu na zona de Liébana, na Cantabria actual, e que alcanzou gran notoriedade na súa época pola súa erudición e a defensa da ortodoxia católica fronte ás herexías, especialmente o adopcionismo, doctrina que consideraba a Xesús un home que foi adoptado por Deus como fillo.

Coa obra mencionada achegou claridade á comprensión da Apocalipse de san Xoán, texto de lectura obrigatoria na liturxia da Eucaristía da época, de difícil interpretación pola súa simboloxía e o seu hermético e enigmático contido. As coloristas imaxes que ilustraban os Beatos, ademais de aportar un indubidable valor iconográfico e artístico, servían de explicación para o mellor entendemento de determinadas pasaxes deste relato da fin do mundo.

Cal é a relación dos Beatos co Camiño de Santiago e o culto ao Apóstolo?

No Comentaria ad Apocalipsym cítase a predicación de Santiago en Hispania. É a segunda mención que se fai deste feito nun escrito na Península Ibérica. O primeiro foi a mediados do século VII na obra De ortu et obitu patrum [Do nacemento e morte dos pais] atribuída a Isidoro de Sevilla.

Anteriormente a primeira obra que fixo mención a esta predicación foi o Breviarum Apostolorum [Breviario dos Apóstolos], composta en Francia ou Italia ao redor do ano 600, na que probablemente se basean as xa citadas.

Esta vinculación fai que os Beatos sexan un tema de especial importancia para os investigadores da temática xacobea, e por tanto, tamén para a biblioteca deste museo, que hoxe presenta este novo centro de interese.

Bibliografía en biblioteca