De Martes a Venres
09.30 - 20.30 h
Sábados
11 - 19.30 h
Domingos e Festivos
10.15 - 14.45 h
Pechado
Todos os luns do ano
1 e 6 de xaneiro
1 de maio
24, 25 e 31 de decembro
Praza das Praterías, 2.
15704 Santiago de Compostela
O 16 de agosto celébrase a festividade local de san Roque. Figura con forte arraigo tanto á cidade de Compostela como á iconografía xacobea.
San Roque nacería en Montpellier, a mediados do século XIV, no seo dunha familia nobre e rica pero quedou orfo e dedicou a súa vida e fortuna á peregrinación para atender ás persoas necesitadas.
Viaxou a Roma a través da Toscana e en Acquapendente atopouse coa peste. Pasou por Cesena (Emilia Romaña), Rímini e de alí a Roma, cidade devastada pola peste e onde permaneceu tres anos, tras os que decidiu regresar á súa cidade natal pero el mesmo tiña os síntomas da peste, así que en Piacenza, retirouse a un bosque para non contaxiar a ninguén. Alí subsistiu durante días grazas ás visitas dun can que lle levaba pan na súa boca ata que o dono acompañouno e descubriu a san Roque, coidouno e curouno.
Unha vez restablecido, o Santo continuou a viaxe cara a Montpellier, a lenda conta que para continuar en dirección a Santiago, pero unha falsa acusación levaríao á cadea, onde morrería sen cumprir o seu desexo de peregrinar a Compostela.
É un santo peregrino e como tal viste os atributos propios destes camiñantes: túnica, capa, esclavina, bordón, cantimplora, zurrón e chapeu, ademais, aludindo á súa enfermidade mostra as chagas ou bubóns que infectaban a súa perna, tampouco era raro que portase a cuncha de peregrino —por influencia da imaxe de Santiago—.
Na súa iconografía, son importantes dúas presenzas: a do can e a do anxo. A súa aparición podería estar vinculada —segundo as diferentes tradicións— a tres momentos concretos: o primeiro é cando san Roque nota os primeiros efectos da peste e aparecéuselle un anxo para anunciarlle a súa próxima defunción; o segundo e moito máis habitual, é a presenza do anxo axudándolle a curar as súas chagas; o último —bastante inusual— sería a visita dun anxo ao santo cando este encontrábase no cárcere.
En todo caso, o culto a san Roque estendeuse por Europa ao longo dos séculos XV e XVI destacando a súa veneración en Voghera e Venecia (Italia), en Nuremberg (Alemaña), en Lisboa (Portugal), Anveres e Huy (Bélxica). Dentro de España, destaca a súa devoción en Galicia, debido sobre todo ás pestes de finais do XVI pero tamén á súa condición de patrón de peregrinos, que o vincula directamente coa figura de Santiago peregrino.
Así, configúrase a iconografía de san Roque na que é habitual velo vestido de peregrino xacobeo con cuncha de vieira e outros motivos como a cabaza, bordón, etc. Nas representacións do santo é moi frecuente que se mesturen as chaves, delatoras da súa peregrinación a Roma, coa vieira ou outros motivos propios da peregrinación xacobea, que non chegou a realizar.
Este santo foi obxecto dunha ampla devoción popular en toda Galicia, moi especialmente en Santiago, a causa do seu carácter protector fronte á peste. Un papel no que suplantou progresivamente a san Sebastián, santo moi vinculado a Compostela como patrón dos acibecheiros.
Por este motivo, como consecuencia da terrible peste que arrasou a cidade de Santiago en 1517, fundouse a Confraría de San Roque á vez que se instituíu o seu día como festivo. Testemuña da súa importancia son a fundación do Hospital de San Roque, e a súa igrexa, na homónima rúa compostelá.
O Hospital de San Roque foi fundado polo arcebispo Francisco Blanco o 1 de xuño de 1577. Tiña como obxectivo atender aos enfermos da peste bubónica, que afectou a Galicia e a Santiago con elevadas taxas de morbilidade e mortalidade ao longo de todo o século XVI e doutras enfermidades contaxiosas. Co paso do tempo foi especializándose na curación de sífilis ou "mal gálico". Este hospital desenrolou a súa actividade até 1836. Coa desamortización pechouse, xa que dende sempre a súa titularidade correspondeu ao Cabido da Catedral. O escudo do arcebispo fundador, Francisco Blanco, podémolo ver noutros edificios emblemáticos da cidade dando mostra do seu carácter filantrópico. Durante a túa visita ao #MDPS, xusto ao carón da estatua do Santo, poderás observar unha vaixela, manufactura de La Cartuja de Sevilla, ´Pickman y Cía´. O motivo decorativo estampado en verde non é outro que o escudo do arcebispo Francisco Blanco (1574 - 1571), fundador do Hospital de San Roque.
A figura de san Roque de Montpellier expresa de xeito moi significativo a popularidade da que gozaron as peregrinacións a Santiago, o que motivou que calquera peregrino, independentemente do seu destino, fose identificado -e representado- como peregrino xacobeo. Este feito, fai da figura de san Roque un personaxe de especial relevancia para o Museo das Peregrinacións e de Santiago. A súa representación iconográfica, vestido tradicionalmente como peregrino xacobeo, convérteo nunha insignia para o estudo deste campo artístico. Estes trazos explican o motivo da gran variedade e cantidade de pezas custodiadas polo Museo que representan ao Santo.
Hoxe 16 de agosto de 2022, día de san Roque, traemos a colación un gravado moi representativo no que se fai referencia á lenda. Con todo, o recurso artístico máis empregado para representarlo é a escultura, da que contamos cunha ampla variedade de fondos de cronoloxía, xeografías e correntes artísticas moi diversas.
Na planta baixa do Museo o visitante pode gozar dunha pequena selección destes fondos: unha escultura en madeira que preside a temática vinculada á hospitalidade e as enfermidades no Camiño; unha pequena escultura en mármore branco, procedente de obradoiros italianos, vinculada neste caso a iconografía xacobea nos camiños europeos e a aludida vaixela procedente do Hospital de San Roque.