De Martes a Venres
09.30 - 20.30 h
Sábados
11 - 19.30 h
Domingos e Festivos
10.15 - 14.45 h
Pechado
Todos os luns do ano
1 e 6 de xaneiro
1 de maio
24, 25 e 31 de decembro
Praza das Praterías, 2.
15704 Santiago de Compostela
O Museo das Peregrinacións e de Santiago está levando a cabo unha serie de tarefas de conservación preventiva centradas, nestes últimos meses, na desinsectación por anoxia e en labores de rotación de pezas na exposición permanente.
A conservación preventiva ten como finalidade aumentar a esperanza de vida dos bens culturais, actuando sobre as causas que acurtan esa vida, é dicir, anticipándose á deterioración. A súa pretensión é deter, ou retardar no posible, a deterioración natural da materia que constitúe os obxectos. Algunhas accións cotiás vinculadas á conservación preventiva serían o control de humidade relativa, da temperatura e da luz (radiación).
Neste caso ímonos centrar en dúas actuacións concretas, a desinsectación por anoxia, para evitar o deterioro dalgunhas pezas pola acción de insectos; e as rotacións de pezas especialmente delicadas da exposición para garantir a súa conservación.
A anoxia é un tratamento que consiste en manter, durante un certo tempo, a peza atacada por xilófagos nunha atmosfera modificada con ausencia de osíxeno.
Ante a presenza dun ataque activo destes insectos nalgunhas das pezas do MDPS decidiuse a aplicación deste tratamento para axudar a súa conservación. Este procedemento foi realizado grazas ao asesoramento da conservadora-restauradora do Museo de Ribadavia, María José Ruíz Vázquez.
Para a súa realización precisamos:
Unha vez colocados todos os elementos na bolsa e a propia peza, ou pezas, a desinsectar, procédese ao seu selado cunha pinza térmica. A partir de ese momento é moi importante vixiar os niveis de osíxeno ata asegurarse de que se acada a anoxia e do seu mantemento durante todo o tratamento.
O tempo de anoxia calculase segundo a especie de xilófago presente na peza, pero, como termo medio, un mes será suficiente para eliminar tanto as larvas coma os insectos adultos.
As pezas da colección que están na exposición poden deteriorase rapidamente. Para evitar isto, contrólanse habitualmente a intensidade da iluminación, os niveis de humidade relativa e a temperatura. Con todo, e a pesar destes controis exhaustivos, hai pezas que pola súa técnica ou o seu material son especialmente delicadas sendo necesario retiralas temporalmente.
Esta é a razón da posta en marcha no MDPS dunha programación de rotación de pezas expostas. Deste xeito procédese ao retirado, de forma planificada e cada certo tempo, das obras máis fráxiles, substituíndoas por outras que están en reserva e que encaixan ben no discurso expositivo. Ás veces, pódense usar reproducións.
Que tipo de pezas son máis vulnerables? Sobre todo libros, debuxos, gravados e téxtiles. Nalgúns casos como o téxtil, a rotación é necesaria pola delicadeza do material, como pode ser o caso da seda. Outro bo exemplo da fraxilidade destas obras son as acuarelas, xa que a técnica empregada na súa aplicación deixa os pigmentos desprotexidos e causa que as cores perdan intensidade.
Para levar a cabo estes traballos é necesaria a colaboración de diversos departamentos do museo. As tarefas desenvoltas son de diversa índole, desde o movemento de elementos pesados e a limpeza dos dispositivos das vitrinas á elaboración de novas cartelas coa información interpretativa.
As tarefas de conservación non se quedan só na rotación de pezas, xa que ao tempo que as facemos, revisamos o estado das vitrinas, dos soporte e dos controis de humidade especiais, como o xel de sílice, cambiándoo se é preciso.
Nas últimas semanas pode que observedes algúns cambios na sede expositiva do MDPS xa que atopámonos en pleno traballo de rotación, retirando das salas as pezas mais vulnerables e colocando outras no seu lugar, como estaba previsto e planificado.
As pezas que se rotaron ata o momento inclúen gravados, téxtiles, libros, debuxos e un clixé de imprenta.