De Martes a Venres
09.30 - 20.30 h
Sábados
11 - 19.30 h
Domingos e Festivos
10.15 - 14.45 h
Pechado
Todos os luns do ano
1 e 6 de xaneiro
1 de maio
24, 25 e 31 de decembro
Praza das Praterías, 2.
15704 Santiago de Compostela
As Xornadas Europeas de Arqueología (XEA) son unha iniciativa do Ministerio de Cultura do Goberno de Francia que desde 2019 celébranse a nivel europeo. En España, están coordinadas polas Subdireccións Xerais do Instituto do Patrimonio Cultural de España (IPCE) e de Xestión e Coordinación de Bens Culturais (SGGCBBCC), dependentes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e Belas Artes e son desenvoltas en colaboración coas distintas comunidades autónomas.
Durante a súa celebración, todos os actores relacionados coa arqueoloxía mobilízanse para que o público descubra os tesouros do patrimonio e as reviravoltas da disciplina. Así, anímase aos operadores de escavacións, organismos de investigación, universidades, museos e xacementos arqueolóxicos, laboratorios, asociacións, centros de arquivos e entidades territoriais a que organicen actividades innovadoras, orixinais e interactivas para o público en xeral.
En 2025 as XEA terán lugar o 13, 14 e 15 de xuño co mesmo obxectivo das edicións precedentes: achegar ao público os métodos de análises, investigación e conservación aplicados ao patrimonio arqueolóxico.

A arqueoloxía e o Museo Das Peregrinacións e de Santiago están ligados desde o nacemento desta institución. Nas primeiras décadas de andaina da institución, a partir de 1951 e até hoxe en día esta institución é centro de referencia de recepción de materiais arqueolóxicos.
Nesta nova edición das Xornadas Europeas de Arqueoloxía temos como obxectivo dar a coñecer todos os procesos que vive unha peza arqueolóxica desde que é recuperada nunha excavación até que chega ao museo, onde non remata a súa viaxe, senón que non é máis que o comezo para dar o salto a difusión e a posta en valor.
Para isto propoñemos dúas vías. Por unha banda a través do timeline deseñado para a ocasión, onde podes ver de forma visual este periplo, por outra unha descrición detallada dos procesos na propia páxina web.
Felices Xornadas Europeas da Arqueoloxía 2025!
Caso práctico en formato Timeline da intervención en Rúa do Franco, nº 31 (Santiago de Compostela), exemplificado na peza D-1101.369/370, xerra trilobulada.
1ª FASE: ESCAVACIÓN, TRABALLO DE GABINETE E ENTREGA DE MATERIAIS
A arqueoloxía, segundo a definición académica máis habitual, é o estudo das sociedades humanas a través dos seus restos materiais. Tamén se pode dicir que é o estudo do pasado humano a través dos restos materiais . Moitos dos restos que ingresan no MDPS proceden da «arqueoloxía de xestión» son profesionais que traballan para a administración, para empresas ou como autónomos quen se encarga de mitigar o impacto das obras de construción ou as actividades económicas sobre o patrimonio.
A Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia establece que «integran o patrimonio arqueolóxico os bens do patrimonio cultural de Galicia de interese histórico, mobles e inmobles, susceptibles de ser estudados con método arqueolóxico, fosen extraídos ou non e tanto se se atopan na superficie como no subsolo, nas augas interiores ou no mar territorial. Así mesmo, forman parte deste patrimonio os elementos xeolóxicos e paleontolóxicos relacionados coa historia humana, as súas orixes, os seus antecedentes e o seu desenvolvemento sobre o medio».
TRABALLO DE GABINETE: as pezas recuperadas son recollidas e rexistradas cunha escrupulosa organización por unidades estratigráficas. Posteriormente, o arqueólogo ou arqueóloga, leva a cabo unha primeira documentación das pezas, isto inclúe desde a limpeza das mesmas, o siglado, un inventario, estudo preliminar, fotografado, etc. Este traballo é reflectido na memoria de escavación e moitas veces pode verse culminado coa presentación de publicacións científicas en medios especializados ou mesmo a presentacións en congresos e xornadas.
ENTREGA DE MATERIAIS: a totalidade das pezas recuperadas na escavación serán entregadas ao museo acompañadas da devandita memoria mencionada con anterioridade. A Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia establece «o museo, colección visitable ou institución ou centro de carácter museístico autorizado nos que deberán depositarse os materiais. Para a súa determinación terase en conta a relación dos devanditos obxectos coa temática do centro ou da colección, a súa proximidade co lugar do achado e as circunstancias que fagan posible a súa correcta conservación e seguridade e o cumprimento máis adecuado da súa función cultural e científica».
Unha vez que as pezas son recepcionadas polo persoal técnico do museo, realizase un cotexo de entrada, tanto das pezas como da documentación que aporta o arqueólogo ou arqueóloga; verificando que todo o que se cita no listado está materialmente presente. Despois de asinar ambas partes un documento de entrega, as pezas xa quedan definitivamente depositadas no museo, onde comeza a seguinte fase de traballos.
2ª FASE: INVENTARIADO, CATALOGACIÓN E CONSERVACIÓN PREVENTIVA
INVENTARIADO E CATALOGACIÓN: cada peza que ingresa no museo engádese ao inventario, outorgándolle un número que a identifique. A catalogación, en cambio, consiste nunha descrición detallada de todos os seus aspectos esenciais, permitindo clasificala e recuperar dita información cando se precise. Neste museo utilízase o programa DOMUS (sistema de documentación e xestión museográfica) para incluír todo o coñecemento sobre a peza, dividíndoo en tres grandes bloques: identificación, clasificación e datos administrativos.
No caso dos bens arqueolóxicos, será a sección «procedencia» a que conteña todo o relativo á escavación: lugar específico do que provén, a súa posición dentro da mesma, a data do achado, o método polo que se obtivo e os arqueólogos implicados. Existe, ademais, un apartado de documentación gráfica, nel poden asociarse imaxes á ficha de catalogación para a súa identificación visual. Todas estas tarefas descritas corresponden á area de documentación.
CONSERVACIÓN PREVENTIVA E RESTAURACIÓN: a conservación preventiva, segundo o Plan Nacional do Instituto do Patrimonio Cultural de España do Ministerio de Educación, Cultura y deporte e aprobado e aceptado por todas as Comunidades Autónomas en 2011, concíbese: «como estratexia de identificación, detección e control dos factores de deterioración dos bens culturais, co fin de minimizar os seus efectos nos mesmos. Consiste nunha actuación continuada na contorna dos bens para evitar, na medida do posible, a intervención directa sobre os mesmos. Corresponde ao departamento técnico de Conservación: procurar as condicións necesarias para a conservación preventiva dos fondos museográficos, tanto en almacéns como en salas de exposición; vixiar e controlar o estado físico dos fondos en almacéns ou salas de exposición, así como en todo o relativo aos seus movementos de calquera índole; programar e realizar as análises e exames necesarios para o coñecemento do estado de conservación dos fondos, e desenvolver as necesarias tarefas de preservación, limpeza e restauración».
A natureza dos ben arqueolóxicos é moi variada (cerámica, metais, pétreas, orgánica, etc.) e determinan moitas destas actuacións adaptándose á casuística de cadanseu material. Se ben todas teñen as súas particularidades, tense especial cautela con aquelas pezas de natureza orgánica, xa que o perigo de perda ou deterioro é inminente. Neste caso, temos a sorte de contar cun recente protocolo de actuación para o caso da madeira arqueolóxica (Xylonet).
3ª FASE: DIFUSIÓN
CER.ES: as pezas máis emblemáticas ou aquelas que destaquen por algunha característica, son publicadas na plataforma coñecida como CER.es (Colecciones en Red) é un catálogo colectivo en liña que reúne información e imaxes dunha importante selección dos bens culturais dos museos, centros e institucións integrantes da Rede Dixital de Coleccións de Museos de España, esta reúne museos, centros e institucións museísticas de distintas especialidades, de diversos ámbitos temáticos e xeográficos, e de diferentes titularidades, pública e privada, co obxectivo de facer accesibles en liña contidos dixitais sobre os seus bens culturais e crear un espazo de difusión do coñecemento sobre as mesmas. Estes museos teñen en común o ser usuarios do Sistema Integrado de Documentación e Xestión Museográfica Domus, desenvolto polo Ministerio de Cultura.
INVESTIGACIÓNS: este procedemento pode desenvolverse por dúas vías. Unha desde o propio museo, que ten como función básica o estudo científico dos fondos, tanto museográficos como documentais, ou por investigadores ou investigadoras externas, onde o museo lles proporciona o acceso e dalles soporte a aquelas persoas que se interesen na consulta dos fondos arqueolóxicos.
A investigación é a columna vertebral da institución, sustentando e dotando de contido os labores de todos os departamentos do museo. Non se pode protexer nin difundir aquilo que non se coñece, todas as actividades acometidas polo museo teñen que estar avaladas por unha investigación previa.
Podes consultar as investigacións relativas ao #MDPS e investigacións externas de pezas custodiadas nesta institución aquí.
EXPOSICIÓN: algunhas das pezas custodiadas polo museo poden pasar a formar parte da exposición permanente do centro. Os fondos arqueolóxicos adquiren neste discurso un protagonismo innegable, enriquecéndoo de maneira evidente e tanxible. A través do percorrido polas diversas salas, o obxecto arqueolóxico únese ao fío expositivo do MdPS e a través del suxíreselle unha serie de conceptos histórico-culturais.
Á hora de expoñer unha peza é necesario que encaixe no discurso do museo e ter en conta sempre as necesidades de conservaión preventiva á hora de exhibila.
PRÉSTAMOS: as pezas expostas, ou aquelas custodiadas nos almacéns do museo, poden ser prestadas a outras institucións museísticas ou centros expositivos. É unha forma de dar visibilidade a moitos dos fondos arqueolóxicos depositados no #mdps. Este ano 2025, prestáronse máis de 6 pezas de natureza arqueolóxica a outras institucións, a día de hoxe poderás ver na exposición «Viquingos. Una mirada desde Galicia», do Museo do Mar de Galicia, algúns destes obxectos; ou no Museo do Pobo Galego, exposición permanente.
4ª FASE: DIVULGACIÓN
VISITAS: os fondos arqueolóxicos expostos na sede de Praterías están plenamente incorporado ao fio narrativo das nosas «Visitas Contadas». O MDPS ofrece esta actividade dirixida a todos os públicos, e ten como obxectivo a divulgación das coleccións do museo dun xeito ameno e participativo. Estas visitas mesturan un percorrido guiado polo museo coa tradición dos contacontos. O público terá a ocasión de coñecer as pezas expostas e gozar con lendas, anécdotas e curiosidades relativas ao Camiño de Santiago e á propia historia da cidade. Deste xeito os relatos e a súa riqueza inmaterial que, pola súa natureza, non se poden expoñer nunha vitrina serán o fío condutor para descubrir todas as historias que os bens culturais non poden contar de viva voz.
A maiores, os bens de natureza arqueolóxica teñen a súa propia modalidade en liña «Mostra virtual: Desenterrando vitrinas». Esta nace co obxectivo de resaltar o patrimonio arqueolóxico exposto no Museo das Peregrinacións e de Santiago que en ocasións, pola súa modesta natureza, pode pasar desapercibido. A exposición virtual segue o discurso expositivo marcado polo museo, pero nesta ocasión, facendo especial fincapé nos contextos culturais das diversas etapas históricas galegas e das expresións culturais derivadas delas.
OBRADOIROS DIDÁCTICOS: constitúen unha das principais labores pedagóxicas dentro do museo. Serven para profundizar en determinados contidos seleccionados polo persoal especializado do centro. A través do descubrimento os participantes interiorizan moitos dos conceptos que non serían posible so coa exposición. Por medio destas prácticas crease unha sinerxia e complicidade coa comunidade do museo esencial para conectar co noso público e xestar novas redes.
DIFUSIÓN EN REDES: as redes sociais convertéronse nunha das ferramentas máis importantes para a comunicación no século XXI e en concreto, para a difusión do patrimonio cultural. Permiten ás persoas compartir información de maneira rápida e sinxela. As redes sociais permitíronnos interactuar co patrimonio cultural de maneira máis accesible e entretida e, por tanto, implicar á cidadanía directamente neste patrimonio.
O Museo das Peregrinacións e de Santiago está plenamente concienciado nesta realidade polo que as nosas canles de Facebook e Instagram convértense nun estupendo escaparate para dar a coñecer os fondos de natureza arqueolóxica, tanto en exposición como en almacén. Por medio de exposicións virtuais, videos, posts ou entradas na web imos difundindo moitos destes materiais.

BIBLIOGRAFÍA:
ALONSO TOUCIDO, F. & PRIETO MARTÍNEZ, P, 2018: «Franco nº31 (Santiago de Compostela), una nueva datación para la arqueología medieval de la ciudad» en Arqueología en el Valle del Duero: del Paleolítico a la Edad Media. Glyphos, 2018, 670-676.
ALONSO TOUCIDO, F., PRIETO MARTÍNEZ, P,& RODRÍGUEZ RESINO, A. 2013: «Cerámica en silos. Contextos Medievais e Modernos na Rúa do Franco nº 31, Santiago de Compostela» en Gallaecia: revista de arqueoloxía e antigüidade 32, 215-248.
AZUAR RUIZA, R., 2021: «El Plan de Conservación Preventiva de las colecciones del MARQ» en Marq, arqueología y museos, (12), 103-117.
BARRIOS RODRÍGUEZ, B., 2023: «El poder de las redes sociales para dar voz al patrimonio en peligro» en II Simposio de Patrimonio Cultural ICOMOS España, edUPV, Editorial Universitat Politècnica de València, 475-482.
BARRIOS RODRÍGUEZ, B., 2025: «Redes sociales aplicadas a la difusión y divulgación del patrimonio cultural» en Herramientas digitales para la difusión del patrimonio cultural, UNED.
CARRIÓN GÚTIEZ, A. 2015: Plan Nacional de Investigación en Conservación del Patrimonio Cultural, Catálogo de publicaciones del Ministerio: www.mecd.gob.es
DOMINGO, I., BURKE, H., & SMITH, C., 2015: Manual de Campo del Arqueólogo. Ariel.
GIL QUINTANA, J.; RUBIO PASCUAL MUERTE, A.; CASTILLO ABDUL, B., 2022: Redes Sociales, Influencers y Marketing Digital en el Patrimonio Histórico-Artístico. Un reto de la sociedad postdigital. Tirant lo Blanch.
GONZÁLEZ RUIBAL, A. & AYÁN VILA, X., 2018: Arqueología: Una introducción al estudio de la materialidad del pasado. Alianza Editorial.
RENFREW, C., & BAHN, P., 2004: Arqueología. Ediciones Akal.
WEBGRAFÍA:
Plan Nacional de Conservación Preventiva, Ministerio de Educación, Cultura y deporte (ed. 2015) https://www.cultura.gob.es/planes-nacionales/en/planes-nacionales/conservacion-preventiva/textos.html [consultado 11/06/2025]
https://evemuseografia.com/2023/12/11/que-es-mediacion-museistica/ [consultado 11/06/2025]
https://evemuseografia.com/2022/02/03/caracteristicas-de-los-talleres-didacticos-en-museos/ [consultado 11/06/2025]
MARCO LEXISLATIVO:
Ley 5/2016, de 4 de mayo, del patrimonio cultural de Galicia.