NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOHORARIOHORARIO
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN

Mostra virtual: Desenterrando vitrinas

-
Comisariado Verónica del Río Canedo

Ruta arqueolóxica polo Museo das Peregrinacións e de Santiago

Con motivo das Xornadas Europeas de Arqueoloxía 2024 inauguramos unha nova mostra virtual: «Desenterrando vitrinas. Ruta arqueolóxica polo Museo das Peregrinacións e de Santiago». 
Esta mostra nace co obxectivo de resaltar o patrimonio arqueolóxico exposto e que, en ocasións, pola súa modesta natureza, pode pasar desapercibido. A exposición virtual segue o discurso expositivo marcado polo museo, pero nesta ocasión, o fío condutor serán exclusivamente as pezas arqueolóxicas, facendo especial fincapé nos contextos culturais e as diversas etapas nas que se divide tradicionalmente a evolución histórico-cultural galega. O percorrido comeza na planta baixa do museo e continúa progresivamente ata chegar á segunda.  

Mostra virtual

A arqueoloxía e o Museo das Peregrinacións e de Santiago

A tipoloxía dos fondos do MDPS, tanto museográficos coma documentais, é moi variada. Conta cunha importante colección en consonancia co contido establecido por ley que abrangue «todos aqueles bens materiais e inmateriais integrantes do patrimonio cultural relacionados co fenómeno universal da peregrinación, coa peregrinación xacobea e o Camiño de Santiago en particular, e co nacemento e a evolución da cidade de Santiago de Compostela como meta de peregrinación». Os fondos de natureza arqueolóxica son unha importante contribución á colección do centro, tanto cuantitativa como cualitativamente.

A arqueoloxía e o MDPS están ligados desde os seus inicios. Nas primeiras décadas de andaina debemos resaltar os traballos levados a cabo por don Manuel Chamoso Lamas. No seu papel de comisario da primeira zona de defensa do Patrimonio Artístico Nacional e director do museo, dota á institución dos primeiros restos de natureza arqueolóxica procedentes de intervencións no núcleo urbano compostelán, na contorna da Catedral e de xacementos emblemáticos para a arqueoloxía galega, como son Iria Flavia (Padrón, A Coruña), Bretoña (Lugo), Moraime (Muxía, A Coruña) ou Rebordáns (Tui, Pontevedra). Hoxe en día estes restos seguen sendo claves dentro do discurso expositivo do museo.

A situación cambia drasticamente a partir de 1982, coa transferencia de competencias en materia de arqueoloxía á Comunidade Autónoma. A partir deste intre a institución comezará a ser depositaria dos restos arqueolóxicos de intervencións programadas, urbanas e achados casuais. A partir de entón os materiais arqueolóxicos non pararon de incrementar os fondos museísticos da institución converténdose en centro de referencia para o estudo e investigación tanto das orixes e evolución da cidade compostelá, da súa contorna e de puntos de interese do Camiño de Santiago.

Recursos para ampliar información

Textos de sala

Dispoñibles textos de sala: información detallada sobre as pezas seleccionadas para a mostra virtual «Desenterrando vitrinas. Ruta arqueolóxica polo MDPS».

Investigación 

Gran parte das pezas presentadas nesta mostra virtual contan con publicacións científicas e artigos escritos por especialistas na materia. Podes acceder a esta información desde a nosa páxina de investigación