NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOHORARIOHORARIO
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN

1935-1936. 'Compostela'. Berros, oficios, servicios, cerimonias e sucedidos

-
Francisco Vázquez Díaz

Francisco Vázquez Díaz, “Compostela”, deixounos un álbum de 26 debuxos, concibido como un “divertimento” de artista que doou ao gran protector das artes compostelás do momento, o Dr. Puente Castro, e que constitúe o repertorio máis amplo de imaxes coñecido da vida compostelá nos anos finais da Segunda República. O interese histórico da serie é, neste sentido, excepcional. 

Nela, o Santiago cotiá, cos seus monumentos, rúas e casas, pero tamén coas súas xentes, queda convertido, no escenario teatral (que nos recorda aos utilizados no momento na representación das zarzuelas ou nas escenografías de Camilo Díaz) onde se destacan os protagonistas. O transmundo que está transmitindo o escenario e os figurantes é o dunha cidade levítica e clasista na que o urbano convive simbióticamente, pero nítidamente diferenciado, co rural. Consecuentemente, estamos antes unha cidade onde xa non as cerimonias relixiosas, senón o clero, son omnipresentes, e as diferentes clases sociais aparecen claramente separadas e diferenciadas principiando xa dende o mesmo modo de vestir. Nesta cidade tan estratificada, o menor cargo de representación é unha honra que insufla de vaidade a quen o ostenta. Para elo, xa non os membros destacados das forzas vivas, senón os máis humildes presumen ostentosamente o seu cargo. Pero uns e outros só se relacionan de ti a ti (aínda que eles non apeen nunca o Vd.) cos que consideran os seus iguais. Ademais, os debuxos transmiten tamén unha cidade, que a diferenza da Compostela actual, ademais de curas, estaba, como a “Villasanta” de Torrente Ballester, chea de militares, señoritos, vendedores de todo tipo, nenos e moitos pobres. 

Se da individualidade dos debuxos pasamos á súa visión de conxunto, tamén apreciamos que a vida da cidade, como sucedera en séculos anteriores, continúa xirando en torno a dous grandes eixos: a Catedral e a Universidade, e que tras todo elo subxace, retratado con retranca, o conflito entre a nova sociedade que pretende implantar o novo réxime republicano e a reacción dos partidarios do antigo.

O corpo principal da exposición constitúeo esta colección de debuxos en pequeno formato, realizados entre 1935 e 1936 que recollen escenas e personaxes típicos da súa cidade natal neses anos. Esta exposición supón unha oportunidade para dar a coñecer unha parte inédita da obra dun artista máis coñecido pola produción escultórica e do que a penas se empezan a atopar debuxos sobre papel.

Supón tamén unha oportunidade para mostrar á cidade parte da súa memoria que cómpre rescatar e que aínda permanece viva entre os composteláns de maior idade. Este labor de rescate e restauración da memoria do seu entorno máis inmediato é unha tarefa que deben de asumir os museos no seu trato diario co público.

 

 

O artista compostelán Francisco Vázquez Díaz (1898-1988), coñecido co pseudónimo de "Compostela" é unha desas figuras que se ve forzado a abandonar o seu país a causa da Guerra Civil, proseguindo coa súa carreira artística no exilio. A escultura en madeira representando animais (pingüíns, pelicanos, etc.), dotados dunha suxestiva crítica social, alcanzou popularidade, sobre todo a partires de que en 1927 expuxese a súa obra nas escaleiras do Palacio de Congresos de Madrid.

Despois de deixar España, instálase en Santo Domingo e a partires de 1940 fixará a súa residencia de maneira definitiva en Porto Rico onde desenvolverá unha intensa actividade artística ata a súa morte.