NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOSHORARIOSHORARIOS
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN

Arquitecturas debuxadas Compostela

-
Santiago Catalán

Arquitecturas debuxadas, nova exposición do Museo das Peregrinacións e de Santiago, ubicada no primeiro andar da sede de Praterías. Santiago Catalán pon a disposición do público todo un compendio de arquitecturas configurado ao redor da catedral e da cidade de Compostela. Cunha visión e unhas perspectivas completamente diferentes, o autor engade unha mirada tridimensional para conformar un novo discurso no que se fai partícipe á cidadanía. A esta chámanlle a atención as cores imposibles e a caligrafía que serve de perpiaño a todo o conxunto.

O Museo das Peregrinacións e de Santiago promove con esta exposición a revalorización do patrimonio cultural galego, especialmente o relacionado coa meta da peregrinación xacobea, un programa expositivo con máis de dez anos de vida.

«Santiago Catalán proxecta sobre esta cidade a mirada do arquitecto, observa e formula interrogantes sobre a forma en que foi construído cada elemento. O autor interpreta o obxecto edificado superpoñendo as arquitecturas desde perspectivas distintas para armar un novo relato a partir da intencionada lectura de fustes, gálibos, entaboamentos, ornamentos e figuras. Volumes solapados debuxados con rigor, esmiuzando perpiaño por perpiaño, textura por textura. A capacidade do autor queda patente nestes debuxos trazados tenazmente cun sinxelo lapis, cun gran dominio da representación arquitectónica, enriquecida coa sensibilidade coa que aplica cores imposibles e caligrafías inacabables. Mediante un trazo primoroso Compostela adquire da súa man, espazo e volume, luz e sombra» (Xerardo Estévez, prólogo do libro “Arquitecturas debuxadas. Compostela”).

Santiago Catalán (Madrid, 1954) é arquitecto, debuxante e pintor. Desde a súa titulación na Escuela Técnica Superior de Arquitectura de Madrid en 1978 compaxinou a súa faceta profesional (con proxectos de edificios públicos, restauración de monumentos, deseño interior e deseño gráfico) cunha intensa dedicación ao debuxo e ao mundo da arte en xeral ao participar en numerosas mostras individuais e colectivas, e sendo ademais fundador e socio da galería alternativa e grupo artístico Bacabú, dinamizador da vida cultural da cidade de Lugo, o seu lugar de residencia desde o ano 1980.

No últimos seis anos, a inclinación cara ao debuxo intensificouse co empeño de recoller sobre o papel as arquitecturas representativas das máis importantes cidades galegas. Santiago de Compostela, Lugo, A Coruña, Vigo e Pontevedra concrétanse en preto de douscentos debuxos xa realizados; Ourense e Ferrol completarán máis tarde unha versión de Galicia debuxada. Todo iso traduciuse na publicación de dous libros titulados «Arquitecturas debuxadas», Lugo e Compostela, que recollen textos e máis de cen debuxos do autor.

Máis información.