NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOSHORARIOSHORARIOS
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN

Biblioteca en acción: Compostela, fin de Camiño

-
Biblioteca do Museo das Peregrinacións e de Santiago

A biblioteca do Museo presenta unha mostra bibliográfica no terceiro andar do Museo das Peregrinacións e de Santiago, sede de Praterías.

Miles de pasos levan ao camiñante a Santiago. Atrás quedaron os preparativos da viaxe, as ansias e as fatigas, os amigos impensados, a beleza inesperada. A cidade acolle o peregrino, ampárao coa súa hospitalidade de séculos de apertura ao forasteiro. Acólleo nesa realidade cambiante e dual de urbe tranquila de arquitecturas variadas e de contorna rural de tendais secando ao aire na solada.

Desa realidade fálanos a abundante literatura dedicada á cidade. Da súa historia e os seus mitos, unidos estreitamente á peregrinación, das súas rúas e os seus edificios e da arte que albergan, das súas xentes e a súa bulideira vida cultural e social.

É difícil elixir que libros poden representar unha cidade que amas. Porque Santiago para o peregrino é a cidade soñada, esa meta que non alcanza corporeidade ata a fin da viaxe; pero para quen a habita é a súa vida cotiá, o camiño ata o traballo, as charlas nas terrazas, a música nunha praza, un sábado no mercado…

A biblioteca do museo presenta dentro do seu programa Biblioteca en acción unha selección de publicacións procedentes da súa bolsa de duplicados referentes a Santiago. Hai entre elas libros de historia, de urbanismo, de debuxos e fotografías, de ficción e vida social.

Imposible abarcar unha realidade tan ampla, pero esperamos que gocen desta pequena mostra.