NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOHORARIOHORARIO
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN

Biblioteca en acción: As guías do Camiño

-
Biblioteca do Museo das Peregrinacións e de Santiago

A Real Academia da Lingua Galega define a palabra guiar como Indicar algo ou alguén o camiño que se debe seguir. As guías do Camiño de Santiago cumpren esta función fundamental. O peregrino prepara a súa viaxe e a guía convértese nun contacto previo coa experiencia que marcará unhas pautas a seguir, unhas recomendacións que facilitarán a ruta, achegando ferramentas básicas que suplirán a falta de experiencia do iniciado.

Desde os pequenos folletos ata os repertorios de gran formato, todos achegan información de gran interese para o viaxeiro: consellos prácticos, sanitarios, listas de aloxamentos, de restaurantes, mapas, fotografías, historia xacobea, historia das rutas, arquitectura, arte, vexetación, descricións polo miúdo sobre o terreo… toda variedade informativa ten cabida nelas.

Os tipos de guías son numerosos, empezando polos propios relatos de viaxe dos peregrinos, de gran axuda pola riqueza da súa experiencia, pasando polas guías que abarcan todas as temáticas fundamentais de forma sintética; ata as máis especializadas, tanto pola súa delimitación espacial (o Camiño en diferentes territorios, as distintas rutas…), como polo público ao que están dirixidas (para persoas con discapacidade, para persoas maiores…), pola súa temática (guías botánicas, gastronómicas, cartográficas, de albergues…), ou polo tipo de peregrinación ao que están dedicadas (a pé, a cabalo, en bicicleta...).

A biblioteca do museo presenta dentro da súa programación Biblioteca en acción unha pequena selección destas publicacións procedente da súa bolsa de duplicados, que vai desde a primeira guía coñecida do Camiño, o Libro V do Códice Calixtino (unha reprodución facsimilar e unha tradución), que recolle impresións dun viaxeiro do século XII, ata un pequeno e utilísimo folleto de consellos sanitarios para o camiñante.

Agardamos que as gocen.