NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOSHORARIOSHORARIOS
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN

Camiñamos para parar

-
Rita Sabler e Miguelanxo Prado

Rita Sabler e Miguelanxo Prado no Camiño de Inverno

«Camiñamos para parar». Rita Sabler e Miguelanxo Prado no Camiño de Inverno, nova exposición no Museo das Peregrinacións e de Santiago. Comisariada por Gemma Sesar. Visitable no lucernario entre o 4 de novembro de 2022 ata o 29 de xaneiro de 2023. 

A mostra está formada polos debuxos, en formato postal, que realizaron o debuxante galego Miguelanxo Prado e a xornalista visual norteamericana Rita Sabler. 

«Camiñamos para parar» é un proxecto que busca enfrontarnos con esa eterna frase de «como me gustaría facer o Camiño», namentres o traballo, as responsabilidades, outras viaxes e, sobre todo, pensar que temos que reservar moitos días van deixando atrás esa idea unha e outra vez. Nesta peregrinación dáselle a volta ao concepto; o sentido do camiño é interromper a vida diaria e poñer os días diante de todo o demais. Abandónanse as supostas prioridades e os seus protagonistas colgan unha mochila co necesario para os nove días que dedicaron a percorrer o Camiño de Inverno.

A aventura, que deu orixe a esta exposición, comezou o día 1 de setembro de 2022 no Barco de Valdeorras; o debuxante galego Miguelanxo Prado e a xornalista visual norteamericana Rita Sabler serían os encargados de retratar o que visen en cada etapa ata chegaren a Santiago. Na súa condición de peregrinos, tiveron que renunciar ás grandes equipaxes e viaxar tan só cunhas postais en branco e mais unha pequena caixa de acuarelas. 

Camiñar e debuxar, que a priori semellaba algo sinxelo, resultou complicado en moitas ocasións e, igual que os peregrinos de todas as épocas, ambos sufriron en todas as etapas, pero lograron superarse e converter cada parada nunha imaxe máis fermosa ca anterior. 

Os aventureiros foron acompañados por un reducido equipo de produción conformado por seis persoas, e cada unha delas viviu experiencias totalmente diferentes. As horas de soidade cedo pola mañá cun sol radiante, a tardiña entre fragas, os viñedos a piques de comezar coa colleita e a presenza constante do río cabo deles fixeron que esa idea de pospoñer o día a día para parar no Camiño axiña tornase nunha realidade. Todos tiñan claro que se a maxia existe, está no Camiño, en calquera deles, pero neste, que xa é un pouco deles, especialmente. 

Texto de Gemma Sesar, comisaria do proxecto Camiñamos para parar.