De Martes a Venres
09.30 - 20.30 h
Sábados
11 - 19.30 h
Domingos e Festivos
10.15 - 14.45 h
Pechado
Todos os luns do ano
1 e 6 de xaneiro
1 de maio
24, 25 e 31 de decembro
Praza das Praterías, 2.
15704 Santiago de Compostela
O ser humano sentiu sempre unha profunda e incontrolable necesidade de viaxar. No mundo antigo era preciso superar unha morea de atrancos para afrontar con éxito unha viaxe. Condicionantes de tipo económico, militar e relixioso, principalmente, propiciarán o desprazamento de grandes continxentes humanos no noso contorno cultural occidental ao longo da Idade Media.
De entre os múltiples centros de peregrinación, serán os tres clásicos da cristiandade, Roma, Xerusalén e Santiago de Compostela, os que atraian a máis persoas. Para o caso dos peregrinos, ao contrario do que acontecía cos soldados e comerciantes, as propias penalidades de andar un duro camiño supuñan unha maneira de saldar débedas coa divindade ou de demostrar a boa vontade e a boa fe á hora de pedir axuda material ou espiritual unha vez acadada a meta. A dificultade na viaxe tiña unha parte dobremente positiva, ao poder ser esa moeda de troco coa que pagar un favor recibido u un aval para o que se lle ía conceder, pero tamén supuña un exercicio altamente instrutivo e fortalecedor, sobre todo de espírito, para poder afrontar con maior experiencia outro tipo de dificultades. A peregrinación non deixa de ser unha práctica iniciática, e o esforzo e a renuncia, un compromiso inherente ao peregrino. Acadar unha meta dunha peregrinación xa non se fai exclusivamente por motivos relixiosos –que predominaban en tempos pretéritos-, senón que neste feito conflúen múltiples intereses, e ben distintos, entre os colectivos de peregrinos que andan un mesmo camiño. O que se impón é a velocidade, o tempo.
A pesar dos cambios e melloras que se teñen levado a cabo na adaptación de infraestruturas de todo tipo para facer máis cómoda a viaxe, do que non hai dúbida ningunha é do esforzo que se precisa para chegar á meta predeterminada. As inclemencias do tempo, as dificultades do propio camiño, a incomodidade da impedimenta, a soidade, a compañía non desexada, a preocupación polos compañeiros... fan que de cando en cando cheguemos a pensar que “camiñas, camiñamos... pero o que nos costa só o sabemos nós”.
É precisamente este aspecto da peregrinación, o esforzo, físico e mental, o que quixemos captar nesta mostra expositiva a través das fotografías de Adolfo Enríquez (Porto do Son, A Coruña, 1965). Fuxindo dos conceptos tradicionais de mortificación, de penitencia, de sacrificio, e outros semellantes, e pensando sempre en positivo, consideramos interesante producir unha exposición sobre a peregrinación xacobea na que se subliñase, de xeito insinuante e con delicadeza dabondo, o esforzo que o peregrino actual debe realizar a través dos distintos Camiños de Santiago para chegar á meta establecida. Desde este punto de vista é desde o que cómpre interpretar cada unha das fotografías que lle dan forma a esta exposición.