NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOSHORARIOSHORARIOS
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN

CHACONA. A CANCIÓN DE SANTIAGO

-
FERNANDO REYES

Chacona. A Canción de Santiago, a maior descuberta patrimonial no ámbito xacobeo dos últimos 100 anos. 

Este ano Xacobeo 2022, o Museo das Peregrinacións e de Santiago ten a honra de presentar unha exposición reveladora: Chacona. A Canción de Santiago. Mostra que presenta a relación desta forma musical coa cidade de Compostela, a catedral e o Camiño. O achado que se amosa, por vez primeira nesta exposición, supón a maior descuberta patrimonial no ámbito xacobeo dos últimos 100 anos.

Chacona. A canción de Santiago, proxecto comisariado por Fernando Reyes, é unha exposición de gran relevancia e innovadora pola descuberta histórica que presenta. A través dun discurso expositivo que segue unha liña narrativa desde a orixe da chacona en Compostela e a súa evolución ao longo dos séculos, o visitante poderá gozar dunha gran selección de obras. Contido formado por máis dun cento de pezas, entre as que figuran obras artísticas orixinais, gravados, fondos documentais, reproducións, instrumentos musicais, libros de música ou partituras, e, fundamentalmente, a música, que nos acompañará durante todo o percorrido. Cóntase coa colaboración, entre outros, da Colección Abelló, o Museo de Historia de Madrid, o Museo da Catedral de Santiago, o Museo do Pobo Galego, o Museo da Casa da Troia ou a colección Fernando Reyes.

A chacona é un elemento cultural que entrou ata a medula en millóns de persoas de toda clase e condición. Dende raíñas, reis até mendigos; nos teatros, nas casas, nos templos, durante máis de douscentos anos. A chacona é unha das moitas e máis grandes contribucións de Santiago e Galicia á cultura universal. Todos os compositores e compositoras entre 1600 e fins do s. XVIII compuxeron chaconas ou a integraron nas súas obras. Por moito que busquemos, non atoparemos un compositor de renome desas épocas que non compuxese unha ou varias chaconas ou a integrara nalgunha das súas obras.

A presentación de Chacona. A canción de Santiago no Museo das Peregrinacións e de Santiago supón un gran fito museolóxico, coa revalorización da música patrimonial como elemento museístico e a volta desta forma musical, que tanto éxito cultivou ao longo da historia, ao seu berce, Compostela.

Chacona. A canción de Santiago

A chacona é un dos máis sólidos elementos históricos que contribúen a dar unidade ao mundo occidental. Forma musical, danza, estructura constructiva presente durante séculos en todos os ámbitos da sociedade Europea e Americana. É considerada un dos tesouros que o Barroco legou de forma permanente ao patrimonio universal.

SANTIAGO DE COMPOSTELA, A ORIXE DA CHACONA

Santiago é a orixe da chacona, sen dúbidas, e así se demostra por primeira vez con esta exposición. A gran aportación cultural desta mostra enriquece o noso patrimonio cunha infinidade de novas contribucións. Temos por unha banda, o renovado estudo documental desta forma musical, a chacona, que volve a recuperala e a coloca no epicentro cultural do século XXI. Por outra o inmenso patrimonio de chaconas, procedentes de toda Europa e toda América quedan ligados ao patrimonio xacobeo. Cantos, música instrumental e danza que ata agora non estaban relacionados con Santiago, a partir deste descubrimento sempre se terán que vincular. A exposición así o mostra.

CHACONA:  BREVE ESTADO DA CUESTIÓN

A importancia desta forma musical motivou que nos últimos dous séculos se investigase a súa orixe. De onde podía vir unha música tan sinxela e ao mesmo tempo tan poderosa? Buscouse en diferentes fontes, algunhas moi inverosímiles e outras moi convincentes, ata que case todo o mundo aceptou que, como parecía ter suxerido Cervantes, viña de América.

En 1911 Emilio Cotarelo y Mori define o concepto de chacona da seguinte maneira:
«Chacona (Baile) Sobre este baile non se cansaron de escribir desacertos os autores estranxeiros, e o que é peor, algúns nacionais. Hai quen di: “A Chacona é de orixe italiana, segundo parece, por un cego, e de aquí ven o nome de ciacona”. Outro faina proceder do vasco chocuna, lindo. E iso que xa o noso Dicionario de Autoridades, aínda que falando das chaconas dexeneradas do seu tempo, tiña aclarado a súa natureza. “Son ou toque que se fai en varios instrumentos, sobre o que se baila unha danza de conta coas castañetas, con moito aire e vistosa, que non só se danza en España nas festas, senón que a tomaron outras nacións e danlle o mesmo nome”. O Dicionario vulgar da Academia di que foi precedido do apelido da súa inventora. É unha presunción destituída de fundamento serio, pois non se sabe quen a inventou, aínda que si sabemos que é de orixe americana».

Emilio Cotarelo y Mori, 1911, “Colección de entremeses…”

Este texto define o que poderiamos dicir até hoxe en día sobre as investigacións da orixe da chacona.

As diferentes teorías da orixe desta forma musical foron cridas e apoiadas por músicos e compositores durante moito tempo, o que condicionou gran cantidade de proxectos artísticos e investigacións. Estas accións forman parte importante do éxito da chacona e do enorme patrimonio xerado durante a súa historia e temos que valoralas positivamente.

A exposición que se presenta este mes de xullo de 2022 no Museo das Peregrinacións e de Santiago, dá un xiro inesperado na historia da investigación desta poderosa forma musical. Os traballos de Fernando Reyes poñen o foco de atención nun feito que non se coñecía até o momento: unha canción copiada en 1456 por un peregrino inglés de nome William Wey, que fora cantada e danzada na catedral de Santiago por uns nenos. Este sería o primeiro exemplo que temos da forma musical da chacona, o escrito de Wey en 1456 no seu diario de viaxe a Santiago, 36 anos antes da chegada de Colón a América. A chacona é unha canción de Santiago.

O principal instrumento do momento de difusión da chacona, «o canto de Jaco», de Santiago polo mundo sería completamente marxinado polos investigadores e non terían en conta o posible orixe compostelán desta forma musical, até hoxe en día.

Outra das incribles contribucións desta exposición é poñer en relevancia a importancia do papel que xogou a muller na historia da chacona e na historia da música. Trátase dunha muller activa e creativa. A podemos observar directamente nos prodixiosos gravados de Jacques Callot, que mostran a mulleres cantando, tocando en grupos formados exclusivamente por mulleres e o máis relevante, dirixindo enormes conxuntos de instrumentistas e cantantes.

O papel feminino na difusión da chacona, e doutras moitas músicas, danzas e cantos, é indiscutible. Esta afirmación tan contundente verase apoiada no discurso expositivo grazas ao material documental empregado.

A guitarra foi o instrumento que máis contribuíu á difusión da chacona por todo Occidente e América; de fácil transporte, con ela a chacona, chegou a todos os recunchos da sociedade. Raíñas e reis, xentes do teatro, da nobreza, dos centros relixiosos, criados, escravos, burgueses, tocaron chaconas nas súas guitarras. A pesares desa enorme importancia, documentada por infinidade de libros e representacións artísticas, a guitarra foi esquecida na «reconstrución» da historia da chacona. O discurso expositivo desta nova mostra trata de recuperar a relevancia e protagonismo deste instrumento e situala no lugar  que lle corresponde nesta historia.

A descuberta da orixe compostelá non desacredita todos os traballos anteriores, senón que engade información básica para que a chacona siga a ser difundida e continúe o seu sorprendente camiño.

WILLIAM WEY 1456, O REXISTRO DA PRIMEIRA CHACONA

Un peregrino inglés, fellow do Eton College, anotou en 1456 unha canción que escoitou a uns nenos que danzaban na catedral de Santiago. Foi a única canción que recolleu nos seus diarios, aínda que a música estivo presente permanentemente nas súas viaxes. Esta canción é a única escrita en notación musical de todos os diarios de peregrinación a Santiago anteriores ao século XX.

A súa constancia escrita demostra o impacto que causou no peregrino anglosaxón e é a mellor testemuña da súa relevancia, posiblemente intuíndo que algún día comprenderiamos o seu significado. Wey entendeu que a peregrinación tamén se constrúe sobre detalles, símbolos e sons que só uns poucos entenden, mentres que milleiros se ven inconscientemente arrastrados pola enorme forza magnética que conteñen.

William Wey non era un simple peregrino chegado ás costas galegas, a súa misión podería estar vinculada á intención do rei de Inglaterra Henrique VI, de crear o cuarto centro de peregrinación máis importante da cristiandade, situado no santuario mariano de Eton. Proxecto que se verá truncado pola Guerra das Dúas Rosas (1455 – 1487). Esta liña de investigación verase ampliada polo documental que Fernando Reyes presentará no contexto da exposición.

A DIFUSIÓN DA CHACONA POLO CAMIÑO DE SANTIAGO

Ao igual que o William Wey, milleiros de peregrinos e peregrinas anónimos escoitarían ese canto que adoptaría o nome do apóstolo Xacobe, e levárono ás súas terras para rememorar a súa peregrinación: o canto de Jaco, de Tiago, de Santiago.

O Camiño de Santiago foi a vía pola que o canto de Santiago chegou a todos os recunchos do mundo cristián, inicialmente nas voces de peregrinos e peregrinas e nas súas guitarras. Repetiuse tanto que as persoas perderon a consciencia da súa orixe xacobea, pero o sentimento que levaba seguiu provocando os seus efectos, que durante máis de 300 anos invadiron todos os ámbitos da vida. O seu desenvolvemento foi prodixioso. Chegou a tocar as almas de millóns de persoas. Hoxe conservamos miles de versións desta forma musical.

A partir da posta en público desta exposición, pódese dicir que a chacona é un dos máis grandes patrimonios da tradición xacobea, ata hoxe descoñecido como tal.

FERNANDO REYES, COMISARIO

A Chacona. A canción de Santiago, preséntase baixo o comisariado de Fernando Reyes, o maior especialista no ámbito da investigación e da interpretación musical das músicas patrimoniais relacionadas con Santiago de Compostela e os Camiños de Santiago.

A infinidade de traballos, concertos e gravacións realizados dirixindo o grupo profesional de Música Antiga máis importante de Galicia, RESONET, son a súa mellor carta de presentación. Co seu esforzo contribúen a enriquecer e difundir polo mundo o ámbito das músicas de peregrinación a Santiago en cada novo proxecto.

Período de apertura ao público entre o 8 de xullo e o 30 de outubro de 2022.

Agardámoste!