NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOHORARIOHORARIO
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN

De oca a oca... polo Camiño de Santiago

-
Luisa Rubines

Luisa Rubines, fotógrafa galega nova, residente en Londres desde 1994 e cuxa formación académica desenvolveu no London College of Printing e na Universidade de Artes de Londres, presenta unha serie de fotografías que tentan demostrar o que para algúns cada día presenta máis indicios de verosimilitude: é o Xogo da Oca unha representación simbólica do Camiño de Santiago? 

Ela así o cre, como o cre e, así o sentiu, na potencia transformadora e enerxizante deste itinerario ancestral e sagrado. Así, para comprobar sobre o terreo o que os diversos estudosos no tema formularon, percorreu a ruta xacobea en varias ocasións desde o ano 2001. 

A mostra fotográfica transmite polo tanto dous aspectos. Un documental, tratando de amosar o paralelismo entre os percorridos do Camiño de Santiago e do Xogo da Oca a través da relación dos cadriños do xogo cos diversos puntos xeográficos e o simbolismo de determinados elementos emblemáticos que aparecen nel, como a ponte, a pousada, o pozo... Por outra parte, a andaina do Camiño detrás desta busca leva a autora a unha vivencia persoal que chega, segundo o seu propio relato, ao final da Vía Peregrina como un «novo ser», dando constancia disto a través dun diario intimista e emotivo que contempla as imaxes. 

Cos resultados obtidos, imaxes, tradicións e sensacións, Luisa Rubines constrúe o seu propio taboleiro da Oca que o visitante poderá así mesmo percorrer nun intento por emular o fin orixinal: a analoxía entre a vida e a evolución espiritual de cada ser humano. 

Sobre a orixe do Xogo da Oca sobrevoan numerosas incertezas. Parece xurdir no s. XII en relación coa Orde do Temple, dedicada á protección da Fe Cristiá especialmente nos Santos Lugares e os camiños de peregrinación, entre eles o de Santiago. A pesar desta imprecisa xénese -diversos estudos sitúano noutras épocas e lugares-, parece estar constatado o seu marcado significado simbólico. 

Trataríase pois dun xogo emblemático destinado a representar o arduo itinerario interior que supón acadar o Coñecemento Supremo, o Sagrado, a Máxima Sabedoría. O Camiño de Santiago constituiríase así mesmo, e na medida das aspiracións de cada individuo, nunha vía na que esta mesma busca espiritual se configuraría como un do seus máis notables obxectivos. Por esta razón, os taboleiros deste xogo tamén poderían servir a aqueles que fisicamente non puidesen percorrer o Camiño en por eles. En calquera caso, parecen entrelazarse continuamente os fins, o real co simbólico, o tanxible co invisible, a ortodoxia coa heterodoxia. E tamén sempre presente a metáfora, entre as vicisitudes e azares da vida e de cada ser cara ao seu propio fin e a súa propia evolución espiritual. Sería ao mesmo tempo unha traxectoria de renovación -o derradeiro cadriño, o 63, o cisne-. Existirían as circunstancias benfeitoras (ponte, pousada, dados) e os intres inquietantes (labirinto, cárcere, morte...). Desta maneira o taboleiro sería o camiño, e as fichas os peregrinos. E, así mesmo, os cadriños teríana súa correspondencia xeográfica real en relación coa súa situación no taboleiro. 

Con esta mirada Luisa Rubines percorreu e reflectiu o Camiño de Santiago e os seus 63 cadriños-tiradas fotografando aqueles lugares que, segundo as súas fontes documentais e orais, coincidirían cos cadriños do Xogo da Oca: Puente la Reina (ponte), Logroño (pousada), Castrojeriz (o pozo), Valcárcel (o cárcere), ou Santiago (a morte) e... Fisterra (o cisne e a doncela do derradeiro cadriño, a renovación, a transformación... o Coñecemento) e entremedias, cidades, lugares e castelos Oca (a seguridade) con innumerables topónimos relacionados coas antigas palabras ‘oca’: Gansar, Ansar, Jars... Valle de Ansó, río Oca, Montes de Oca, Castrojeriz, Puerto de la Oca, etc., entre outros moitos. 

Non obstante... todo, como nun xogo, está aberto á conxectura, á incerteza, á probabilidade e á sempre frutífera reflexión á cal desde este museo queremos incitar o visitante.

 

A fotógrafa novel Luisa Rubines, presenta un interesante proxecto no que se xuntan as súas experiencias coma artista e peregrina no Camiño de Santiago, coa súa investigación sobre un tema tan antigo coma pouco tratado: a relación entre o Camiño de Santiago e o Xogo da Oca. Con esta exposición preténdese dar cabida a tódalas visións sobre a experiencia peregrinatoria pois, detrás de calquera delas existe sempre un compoñente de reflexión, de sabedoría, que está a recoller unha maneira de sentir ou unha rica tradición non sempre correctamente comprendida.