NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOSHORARIOSHORARIOS
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN

Exposición virtual: O Mdps en clave de xénero

-

Exposición virtual

Powered by emaze

Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller do 8 de marzo de 2023, o Museo das Peregrinacións e de Santiago publica unha nova exposición virtual na que se analizan unha selección de fondos en clave de xénero. 

A exposición está dividida en diversas seccións temáticas desde un variado enfoque de análise: fondos vinculados a mulleres peregrinas, producións artísticas autoría de mulleres e unha selección de obras que responden a diversas perspectivas históricas cun planteamento de xénero. 

O MdPS EN CLAVE DE XÉNERO

As mulleres peregrinas

O Museo das Peregrinacións e de Santiago ten entre os seus obxectivos «a protección, conservación, documentación, investigación e difusión dos bens materiais e inmateriais integrantes do patrimonio cultural relacionados co fenómeno universal da peregrinación, coa peregrinación xacobea e o Camiño de Santiago en particular, e co nacemento e a evolución da cidade de Santiago de Compostela como meta de peregrinación» (Real Decreto 1293/2007 do 28 de setembro). Nesta institución o fenómeno da peregrinación estudiase desde a súa perspectiva universal, tendo en conta todos os credos, culturas e xentes que percorren os diversos camiños no mundo. Esta multiculturalidade está recollida tanto na exposición permanente, como nos programas de exposicións temporais, que intentan reflexar esta diversidade e dala a coñecer. Non obstante, a peregrinación xacobea ocupa un lugar destacado.

Tendo estas metas ben definidas, o enfoque de xénero convértese nun importante campo de estudo para conseguir unha representación equitativa destes fenómenos culturais. Este propósito materialízase coa adquisición de fondos vinculados a esta realidade, a realización de exposicións, publicacións e coa investigación. Estes traballos son o proceso inicial para a recuperación da memoria feminina vinculada ás peregrinacións.

Textos de sala

Mulleres artistas

A maior presenza de mulleres artistas, pero non a única, no Museo das Peregrinacións e de Santiago débese ao ambicioso programa de exposicións temporais desenvolto desde 1999. A través das súas cinco liñas expositivas temos a sorte de contar con grandes artistas nacionais e internacionais que expuxeron a súa obra neste centro.

Destacan as fotógrafas e o seu traballo ao redor do mundo documentando os fenómenos peregrinatorios. En moitas ocasións, parte do seu traballo é depositado e doado ao museo, o que permite ampliar a exposición permanente con estes ilustrativos documentos gráficos e artísticos. 

Textos de sala

OS FONDOS DO MdPS ANALIZADOS CON PERSPECTIVA DE XÉNERO

A mostra artística recollida tanto na sede expositiva, como nos almacéns do Museo das Peregrinacións e de Santiago, abarca un amplo abano de arte moble, material e inmaterial que transmiten toda a complexidade do fenómeno da peregrinación e a evolución da cidade de Santiago. Conta con importantes coleccións de escultura, pintura, acibeche, ourivaría, pratería e gravado. Os restos arqueolóxicos enriquecen tanto os fondos expositivos como os seus depósitos, sen esquecerse das mostras etnográficas, documentais e bibliográficas.

Esta gran heteroxeneidade de fondos museográficos vese reflexada nos diferentes soportes nos que podemos identificar a representación feminina desde diversos enfoques de análise.

Representación feminina no plano simbólico e relixioso

Con esta coidada selección de fondos podemos realizar un peculiar percorrido pola concepción e representación iconográfica do feminino en diversos soportes artísticos. Desde a mitoloxía romana, coa forte presenza do panteón feminino, á dualidade de representacións en época medieval, onde nos atopamos cos estereotipos de virxe e pecadora.

Textos de sala

Representación feminina asociada ao poder

Selección de fondos nos que se manifesta a representación feminina na esfera do poder, tanto desde un enfoque laico como relixioso. Esta perspectiva adoita estar representada históricamente por senlleiras figuras. A parte do excepcional caso de dona Urraca, na Idade Media, a maior parte das mulleres tiñan o acceso ao poder vedado no goberno das cidades e das vilas galegas. Outros aspectos vinculados á esfera do poder será o ámbito conventual. 

Textos de sala

Representación feminina na historia da vida cotiá

Tradicionalmente a muller tiña un importante papel activo nas actividades de mantemento e nas actividades produtivas vinculadas á vida cotiá. O concepto que define as actividades de mantemento converteuse nos últimos anos nunha das principais liñas de investigación na arqueoloxía de xénero abrindo un campo múltiple de posibilidades de coñecemento.

A súa utilización como categoría de análise, posibilita a comprensión do legado de saberes e prácticas asociadas á xestión da vida cotiá e ao ámbito no que se desenvolvían, así como a posta en marcha de estratexias para a súa recuperación e difusión.

Textos de sala

Representación feminina nos gremos e oficios da Compostela Medieval e Moderna

A cidade medieval crece e con ela desenvólvense os gremios e oficios, moi importantes na evolución da urbe compostelá, deixando impronta incluso na propia toponimia. En Santiago entre outros teñen moita forza os gremios dos prateiros, acibecheiros e os gravadores. 

Actualmente podemos dar nome a moitas das mulleres que traballaban no ámbito urbano polas investigacións de historiadoras que as rescatan da documentación. Traemos a colación pezas do museo que reflicten esta realidade. 

Textos de sala