NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOSHORARIOSHORARIOS
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN

IL CAMMINO DI FRANCESCO

-
Steve McCurry

Exposición producida pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo

A magnética personalidade de san Francisco animou a Steve McCurry a revivir a súa lembranza e o seu legado nas paisaxes que lle serviron de marco á vivencia do espírito do poverello. Nestes ámbitos de espiritualidade que forman parte da memoria viva da Humanidade –o Val Santo de Rieti, con Fonte Colombo, onde se escribiu a Regra franciscana, Greccio e a memoria do primeiro belén, e Poggio Bustone, onde o santo iniciou o seu camiño cara a Compostela– móvese con comodidade este célebre fotógrafo estadounidense.

Steve McCurry forxou o seu poderoso estilo como informador de conflitos internacionais, como a guerra de Afganistán, a guerra entre Irán e Iraq e a do Golfo; traballos que o fixeron merecedor de premios internacionais como a Robert Capa Gold Medal. Membro da axencia Magnum desde 1986, McCurry é autor de reportaxes e imaxes publicadas na revista National Geographic, e talvez o seu retrato da cativa afgá Sharbat Gula sexa un dos de máis sona do século XX.

Máis alá do Cammino di Francesco, o artista interesouse moi vivamente na plasmación de xentes e territorios impregnados de textura, cor e sabor, destacando o retrato veraz de lugares como Sri Lanka, India, Tíbet e mais o sueste asiático. McCurry deixou xa para a posteridade imaxes abraiantes de persoas que lle falan á cámara coa intensidade das súas olladas e de paisaxes que sorprenden pola súa inefable poesía; en moitas delas resalta a presenza silandeira de monxes e peregrinos, ou a forza e o misterio de edificios memorables, como os templos de Angkor ou os santuarios e espazos reflectidos no Camiño de San Francisco. Atopa McCurry con aparente facilidade a escena ou a persoa axeitadas á mensaxe que desexa transmitir, e plásmaa procurando a súa identidade, regresando unha e outra vez ata lograr captar a súa íntima esencia. A través da emoción do instante e da súa proximidade e comprensión con aquilo que está vendo e fotografando, establécese unha relación especial entre o captado –sexa paisaxe ou persoa– e a súa retratista, froito dunha experiencia compartida cuxo resultado é a propia obra.

Esa emoción lograda coa plasmación do instante irrepetible impregna todas e cada unha das imaxes que forman parte desta exposición. Trátase, en suma, dun sentimento puro ofrecido a través dun conxunto de fotografías individuais, cada unha delas froito dun sentimento, pero que son parte dun conxunto coherente –un itinerario físico, unha experiencia espiritual– que relata unha historia inspirada nas pegadas deixadas por san Francisco nos espazos sagrados tocados pola súa graza.