De Martes a Venres
09.30 - 20.30 h
Sábados
11 - 19.30 h
Domingos e Festivos
10.15 - 14.45 h
Pechado
Todos os luns do ano
1 e 6 de xaneiro
1 de maio
24, 25 e 31 de decembro
Praza das Praterías, 2.
15704 Santiago de Compostela
No delta do Ródano, entre o mar e a lendaria Camarga, a pequena localidade de Saintes Maries de la Mer recibe dende moi antigo, milleiros de peregrinos para celebrar a festividade en honra ás Saintes Maríes -santa María Salomé e santa María Xacobé-, e tamén para renderlle culto a santa Sara.
Os rituais que teñen lugar así como o fervor dos asistentes, en boa medida xitanos de toda Europa e mesmo doutros continentes, supoñen unha riqueza cultural da tradición vida e adquiren un colorido inusitado que incita a moitos fotógrafos a recoller coas súas cámaras imaxes suxestivas e singulares das celebracións e dos propios peregrinos. Tal como fixo a autora deste proxecto, Olga Seoane Paulus, durante os cinco anos en que reuniu o material que conforma esta exposición: auténticos documentos gráficos cheos de vida, colorido e devoción.
Como é habitual neste tipo de conmemoracións, é a tradición a que se impón sobre a verdadeira historia e resulta difícil discernir entre o real e o suposto. A mediados do século XV prodúcese o achado duns corpos que se consideran santos e deseguida se relacionan cos restos óseos de santa María Salomé, santa María Xacobé e santa Sara, movidos sen dúbida por unha tradición anterior que supoñía a súa chegada a estes territorios fuxindo das persecucións de cristiáns fomentadas por Herodes Agripa en Terra Santa. De feito, parece que o culto neste lugar ás santas mulleres está documentado cara ao século XII e as peregrinacións parecen estar bastantes difundidas xa no século XIV.
É a tradición a encargada de esclarecer ao seu xeito estas circunstancias e a variedade de versións conservadas indica que se transmitiu de forma oral ao longo de moitas xeracións. Sinteticamente poderíase resumir do seguinte modo:
Fuxindo das citadas persecucións de cristiáns en Palestina, algúns dos personaxes máis achegados a Cristo toman un barco sen velas e sen remo que o destino fai chegar ás costas meridionais da Galia, xunto á desembocadura do Ródano. As diferentes versións apuntan a distintos pasaxeiros, pero todas coinciden en que viaxaban María Salomé, a nai de Santiago o Maior (Zebedeo) e de Xoán; María Xacobé, nai de Santiago o Menor (Alfeo); e Sara, escrava ao servizo das anteriores. A morte das dúas Marías produciríase nun breve intervalo de tempo e no lugar onde foron enterradas, san Trófimo, bispo de Arlés, levantaría un oratorio.
Santa Sara é un dos personaxes máis enigmáticos e que deu orixe ás máis diversas tradicións, bastante distintas entre si en moitos aspectos. Todas coinciden, non obstante, en identificala cunha muller de rostro escuro que actuou como serventa das dúas Marías. De orixe palestina, africana ou da propia rexión da Camarga, é recoñecida como Santa Sara Kali (Sarah a Kali), relaciónase coa fertilidade e está considerada como a patroa de todos os xitanos do mundo. Aínda que non aparece no santoral da igrexa católica, esta tivo que recoñecer e autorizar os cultos que se celebran na súa honra, debido á gran veneración popular da que era obxecto dende séculos atrás.
A peregrinación a este santuario da Provenza no está á marxe da peregrinación a Santiago de Compostela, xa que da veciña cidade de Arlés fan partir algúns autores a Vía Tolosana, que á súa vez conectaría coa Vía Francíxena que conduce a Roma. Sen dúbida que boa parte dos peregrinos tanto xacobeos como romeiros farían coincidir as súas peregrinacións a Santiago de Compostela e a Roma coa peregrinación ao Santuario de Nôtre Dame de la Mer en Saintes Maries de la Mer.