De Martes a Venres
09.30 - 20.30 h
Sábados
11 - 19.30 h
Domingos e Festivos
10.15 - 14.45 h
Pechado
Todos os luns do ano
1 e 6 de xaneiro
1 de maio
24, 25 e 31 de decembro
Praza das Praterías, 2.
15704 Santiago de Compostela
II Concurso Internacional de Deseño e Encadernación
Con motivo da celebración do Ano Santo 2004, a Asociación para el Fomento de la Encadernación de Libros de Arte (AFEDA) en colaboración co Museo Das Peregrinacións e de Santiago, convocou o Primeiro Concurso Internacional de Deseño e Encadernación que tiña coma obxectivo crear o libro máis apropiado para un peregrino actual. As obras galardoadas pasaron a formar parte dos fondos do museo e isto supuxo o inicio dunha colección de encadernación artística de libros para peregrino, sen dúbida singular, hoxe incrementada cos premiados do Segundo Concurso, que xunto ao resto de participantes conforman esta exposición.
Completase a mostra cunha selección de pezas dos fondos do museo inéditas e que mostran diferentes tipoloxías de libros de peregrino.
Os libros presentados combinan utilidade e deseño: libros con follas en branco para anotar o acontecido en cada xornada, libros con texto xa impreso para ler durante o camiño, guías para orientar ao peregrino no itinerario, libros de oración para o recollemento, en definitiva libros para múltiples funcións con deseños e montaxes singulares, útiles e valiosos. Esta experiencia supón unha importante achega intelectual ao aproveitar e asimilar o enxeño do pasado cultural, transformándoo e adaptándoo para facer unha proposta cara ao futuro.
Desde o século XII, en que apareceu formando parte do Códice Calixtino a primeira guía do peregrino escrita por Aymeric Picaud, os libros sobre como chegar a Santiago forman parte indispensable do atavío do esforzado peregrino.
Ao redor de 1350 apareceu o uso dos libros para cinto e aínda que ata o século XVI foron moi utilizados son moi poucos os exemplares que chegaron ata nós. Os coñecidos como “libro de peregrino” que presentan unha singular encadernación denominada “talega”, dispoñen de tapas de madeira cunha protección de ante que cobre os laterais e o lombo, prolongándose pola parte superior para acabar nun nó. Levábase prendido no cinto colgando boca abaixo, quedando así protexido da choiva e da sucidade, sendo posible levalo tamén na man grazas ao nó. Desta forma o peregrino portaba consigo todo o que necesitaba para a escritura á vez que podía abrilo e lelo, mesmo mentres camiñaba.
Primeiro premio
Vietto, Cecilia
“Lévote, para que me leves”
Caderno de viaxe con carapucha para portar no exterior. Encadernación flexible con soportes de costura e capitel estrutural. Materiais: “Amigos da natureza”. Redutores de residuos, fíos de algodón tinguido, cordeis estruturais de algodón reciclado, tecido de cuberta de algodón impermeabilizado, reciclado dun parasol, papel 100% reciclaxe.
Deseño: tanto a súa composición como acabado e cores foron pensados para convidar a coller o caderno nas túas mans, abrilo, pasar as súas páxinas, pechalo, viralo, escribir nel. Romper a barreira do medo a un obxecto novo, a unha folla en branco.
Segundo premio
Ortega Alcaraz, Paloma
“Libredon”
Encadernación con costuras vistas sen cola. Realizada en pel Harmatan bordeos. Dous cadernos formando un só corpo. As costuras dos lombos serven como asa do libro. Gardas cartón en papel de Montse Buxó, gardas volantes en papel termovirante.
Achégase presilla para transportar no cinto.
Terceiro premio
Nosti Moreno, Vera
“Apuntamentos”
Tres cadernos apaisados para apuntamentos de debuxo. Encartonadas e cubertas con pel laranxa, verde oliva clara e azul, con lapelas sen cartóns, peche de cordel e botón. Cabezadas bordadas en gris e branco, gardas á cuba e ao engrudo. Bolsa de transporte en pel azul, con peche de cordel onde a lapela do libro lle serve de lapela á bolsa. Remate do cordel cunha borla.