De Martes a Venres
09.30 - 20.30 h
Sábados
11 - 19.30 h
Domingos e Festivos
10.15 - 14.45 h
Pechado
Todos os luns do ano
1 e 6 de xaneiro
1 de maio
24, 25 e 31 de decembro
Praza das Praterías, 2.
15704 Santiago de Compostela
A exposición «Na chegada: emocións e rostros de peregrinos» amosa unha selección de fotografías a través das cales se reflicten distintos momentos, expresións, “rituais” prácticos do camiñante, transportes e diversidade étnica e cultural que ofrecen os peregrinos que chegan por fin a Santiago de Compostela. Este conxunto de retratos mostra, con evidente forza emocional, sentimentos, afectos e accións que son comúns á inmensa maioría dos que despois de percorrer o Camiño de Santiago chegan, non só a unha cidade emblemática e ansiada polo peregrino, senón a un punto concreto, a Praza do Obradoiro, que representa a verdadeira chegada, o primeiro encontro auténtico coa cidade e a meta tan longamente anhelada. O que mostra primordialmente esta exposición non é só unha galería de retratos variados de peregrinos no momento culminante da súa chegada, senón a paixón dos sentimentos que a alma humana expón e transmite de forma natural. E eses sentimentos, visibles pero intanxibles, sempre teñen como transmisor físico o rostro humano.
O autor destas fotografías é Jacobo Remuñán, fotógrafo profesional, nacido na mesma cidade de Santiago en 1960. El mesmo, que fotografaba peregrinos na Praza do Obradoiro, decatouse un día da cantidade de sentimentos e emocións das que era continuamente testemuña e decidiu “retratar a alma humana” nese momento significativo de alcanzar o fin dunha peregrinación. Por esa razón estas fotografías transcenden o puro goce e plasticidade do xénero retratístico converténdose nun camiño cara ao interior do ser humano.
Polo contido e a expresividade patente destas imaxes, o Museo das Peregrinacións programou esta exposición para conmemorar o mes da celebración dos museos, que ten como data principal o 18 de maio, Día Internacional dos Museos. O obxectivo deste ano é promover a atención dos museos, das administracións xestoras e dos cidadáns sobre o interese e a promoción da defensa do Patrimonio Inmaterial, que pola súa fraxilidade e, ás veces, “invisibilidade” está sempre en perigo de desaparición progresiva. O Patrimonio Inmaterial é aquel que está constituído por elementos sensoriais, cognitivos ou inmateriais, integrados nunha herdanza colectiva que se foi transmitindo ao longo dos tempos de xeración en xeración. Así pois, forman parte deste as expresións orais, o teatro, as diferentes linguas, a danza e a música, a singularidade das comunidades, as tradicións culinarias, os valores éticos e relixiosos, e, entre outros, as actitudes, os xestos, as expresións determinadas por certos feitos vinculados a distintas comunidades ou crenzas.