De Martes a Venres
09.30 - 20.30 h
Sábados
11 - 19.30 h
Domingos e Festivos
10.15 - 14.45 h
Pechado
Todos os luns do ano
1 e 6 de xaneiro
1 de maio
24, 25 e 31 de decembro
Praza das Praterías, 2.
15704 Santiago de Compostela
A cultura xaponesa foise formando a través da súa longa e complexa historia a partir de feitos e factores diversos que configuraron finalmente o seu forte, influínte e peculiar carácter.
A propia localización xeográfica, como illa separada do continente asiático pero, ao mesmo tempo, moi preto de áreas de potente influencia como China, deu lugar ao longo do tempo, a oscilacións históricas entre perío dos de illamento e intensa interrelación.
A orografía e o clima exerceron do mesmo xeito a súa particular influencia na alma e cultura xaponesas. A súa rica flora e fauna, o esplendor das súas paisaxes e o seu cambio estacional e mesmo o seu carácter volcánico, atópanse reflectidos no amplo acervo literario e artístico do país.
Pero fundamentalmente foron as crenzas e influencias relixiosas, non só as nativas como o xintoísmo, senón tamén as alleas como o budismo e a súa corrente zen, o confucianismo e, en menor grao, o taoísmo, as que deron pleno sentido á alma xaponesa.
Deste xeito, formouse a singular concepción da beleza do espírito xaponés, expresándose en conceptos tan complexos como wabi (beleza simple e esencial), sabi (soidade da natureza) e shibui (beleza das cousas sinxelas).
O Xapón ofrece pois, un modelo de simbiose entre a propia e orixinal tradición e outros trazos culturais alleos, a través dun proceso de importación e asimilación harmonioso e mesmo creativo.
Neste senso, a peregrinación á rexión de Kumano, que se mostra nesta exposición fotográfica, é un exemplo de fusión de dous espíritos relixiosos que confluíron nun determinado momento: o xinto e máis o budismo.
O xinto ou Camiño dos Deuses, xorde co alborexar da historia xaponesa e tinguiu todos os aspectos da vida emotiva do país. Configurouse primeiramente coma un sistema de crenzas nas que destacaba a adoración ás divindades que lle deron orixe ao país, aos fenómenos naturais e ás poderosas forzas creadoras. A estas engádeselles máis tarde o culto aos devanceiros e ás divindades familiares, de aí a orixe divina da liñaxe dinástica.
Estes espíritos son os kami. Seica suman oito millóns, pero o certo é que son incontables. Hai un kami en todas as cousas naturais. Os kami habitan na natureza: nos ceos, nas árbores, nas montañas, nas fervenzas, nas illas...
Máis tarde, no s. VI, e a través de Corea, penetra o budismo no Xapón, logo dun longo percorrido de difusión por toda Asia e dende a India, onde se orixinara no s. VI a.C.
Fronte aos kami, que o mesmo podían ofrecer felicidade que vinganza, o budismo chegou como un evanxeo de compaixón e salvación para a especie humana. Co tempo, non se foron observando desemellanzas entre a adoración á natureza e o rogo por aplacar a ira dos deuses xintoístas e ao mesmo tempo recitar oracións para pedir a graza salvadora de Buda.
A rexión de Kumano, ao leste do Xapón, é dunha beleza marabillosa e sorprendente. Dende antigo considerouse como unha terra máxica e sagrada na que tiñan a súa morada numerosos deuses xintoístas e cara a onde numerosos peregrinos se dirixían para a súa loanza.
Coa chegada do budismo, os deuses moradores de Kumano consideráronse a encarnación de Buda e pasaron a denominarse Kumano-gongen: Buda que toma a figura dos deuses e escoita as súplicas dos homes. Así, a peregrinación a Kumano acada a súa época de apoxeo ao longo dos séculos X ao XII. Nela participaban xentes de todas as clases sociais, incluídos os compoñentes da Familia Imperial.
A partir do s. XVII, a peregrinación a Kumano comezou a amosar o seu declive, pero na actualidade, a procura dunha nova espiritualidade que parece ter principiado o ser humano nas sociedades máis avanzadas, está provocando que o Camiño de Kumano, ao igual que outros sendeiros de fe semellantes e existentes ao longo do mundo, se revitalice.
Os paralelismos espirituais e cronolóxicos que se poden observar entre o Camiño de Kumano e máis o Camiño de Santiago deron lugar a que, en 1998, se constituísen ambos os dous como Camiños Irmáns a través da Declaración Oficial de Amizade entre a Comunidade Autónoma de Galicia e a Prefectura de Wakayama. Un vencello entre dous camiños de espiritualidade e dúas rexións máxicas e transcendentes.