NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOHORARIOHORARIO
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN

Ollada inglesa, corazón galego

-
Arthur Ginnings

Arthur Ginnings, colección fotográfica (1910 - 1950)

Ollada inglesa, corazón galego dá a coñecer unha colección privada inédita composta por 1.188 placas fotográficas, realizadas entre 1890 e 1950, que pertenceron a Arthur Ginnings, misioneiro protestante inglés que viviu durante corenta anos na vila de Ares. Esta colección constitúe un importante arquivo documental para o coñecemento da implantación e posterior evolución das comunidades evanxélicas en Galicia e, ao mesmo tempo, conforma un documento de grande interese etnográfico, antropolóxico e cultural, pois contén imaxes inéditas de monumentos, espazos naturais e persoas, moitas delas captadas en Galicia, aínda que non faltan as referentes ao resto de España e a outras partes do mundo, entre as que predominan China e África. 

No que respecta ao autor, sabemos que a maior parte das fotografías realizadas en Galicia se deben ao propio Ginnings, pero o resto das instantáneas foron tomadas por fotógrafos afeccionados e anónimos. Este material, positivado sobre placas de cristal, tiña unha clara función espalladora e estaba destinado á formación relixiosa das comunidades evanxélicas e á captación de novos fieis, a través da proxección desas imaxes, cunha «lanterna máxica», no decorrer de charlas axeitadamente preparadas. 

A historia que se quere contar nesta exposición está dividida en catro apartados. O primeiro deles, Sementando crenzas, fálanos da chegada destes misioneiros, da súa implantación en diferentes vilas galegas e do labor tanto relixioso como social que realizaron en Galicia e noutras partes do mundo. Arthur Ginnings, pastor en Ares permítenos coñecer a vida familiar e o labor profesional do artífice desta colección fotográfica, así como a súa presenza e relación coa comunidade de Ares. Galicia, 1890-1950 exhibe paisaxes e xentes desta terra, tal como foron vistas a través da ollada inglesa de Ginnings, que, sen dúbida, co decorrer dos anos estaba fortemente influída polo seu corazón xa galego; este conxunto de imaxes permítenos indagar nas nosas raíces e na nosa identidade, e del despréndese, polo tanto, un importante valor testemuñal. Finalmente, Tan distantes, tan semellantes reúne imaxes que nos demostran como os diferentes elementos da actividade humana, ben sexa a forma de producir ou mesmo a maneira de sentir, sempre presentan semellanzas a pesar da distancia xeográfica e cultural dos pobos, e máis se quen recolle estas instantáneas, sexa onde sexa, olla dende a perspectiva dun mesmo pensamento. 

O material, positivado sobre placas de cristal, tiña unha clara función divulgativa e estaba encamiñado á formación relixiosa das comunidades evanxélicas e á captación de novos adeptos, mediante a proxección destas imaxes cunha lanterna máxica (que inda se conserva xunto coas placas) no transcurso de charlas convenientemente preparadas.

Entre as imaxes encontramos moi diferentes temáticas: hai láminas de escenas bíblicas características de finais do século XIX e outras realizadas en diferentes comunidades evanxélicas de distintas partes do mundo, preferentemente China e África. Consérvase igualmente unha sección importante de fotografías realizadas en Galicia con escenas da vida cotiá, que constitúen un documento de grande interese antropolóxico.

Desde outro punto de vista, a recuperación do patrimonio cultural galego que se atopa moitas veces en condicións pouco favorables para a súa conservación e o seu coñecemento público, debe ser unha tarefa que asuman nas súas programacións os museos pois esta é unha función directamente relacionada coa súa razón de ser.

Con esta exposición dáse a coñecer unha colección privada inédita de 1.200 fotografías realizadas entre 1890 e 1950, e que pertenceron a Arthur Ginnings, misioneiro protestante británico, que viviu durante 40 anos na localidade de Ares, tentando difundir na zona a idea evanxélica. Esta colección constitúe un importante arquivo documental para o coñecemento da implantación e posterior evolución das comunidades evanxélicas en Galicia e ó mesmo tempo é un referente de interese desde o punto de vista etnográfico xa que contén interesantes imaxes inéditas de monumentos, espazos naturais e persoas, tanto de Galicia coma de España tomadas por fotógrafos afeccionados e anónimos.