NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOSHORARIOSHORARIOS
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN

POR FIN SANTIAGO!

-
Alfredo González

Logo de ter debuxado o Camiño de Santiago coincidindo coa peregrinación que realizou en 1991, e que foi obxecto de exposición neste mesmo museo, Alfredo González entra na cidade de Santiago de Compostela. Camiño e cidade constitúen o groso do contido temático deste Museo das Peregrinacións e de Santiago pero son ao mesmo tempo unha fonte inesgotable de inspiración para a creación artística contemporánea.

Por fin Santiago! é o mellor colofón para un gran proxecto vinculado á realidade xacobea. Despois do camiño chega a hora de se introducir na meta e de esculcar polas rúas e polas prazas para poder sentir e captar a vida dunha cidade que aínda hoxe se move en boa medida ao son da peregrinación.

Alfredo percorreu ao longo do mes de abril deste ano 2012 a cidade compostelá. Era un compromiso que asumira anos atrás con este museo. Moveuse silandeiro por Compostela captando o máis monumental e o máis doméstico, o máis urbano e o máis rural. Debuxou por fin Santiago coa perspicacia de sempre, coa inocencia e coa curiosidade propias dun neno grande que se ilusiona cando capta un bo plano para traspasar ao seu caderno cos rotuladores e cos lapis de cores que utiliza con tanta mesura, coma se tivese medo de os gastar.

O resultado é un proxecto singular, cheo da frescura que Alfredo é quen de lle dar aos seus debuxos, poñendo en movemento os monumentos, o casarío e as paisaxes ao captar con esa perspectiva, que a miúdo vai máis aló do que abrangue o ollo humano, visións cotiás vestidas dunha singularidade e dunha familiaridade pouco habituais e tamén imaxes perdurables que se sitúan fóra dunha dimensión temporal.

Alfredo González (artisticamente Alfredo), naceu en Agüeria (Oviedo, Asturias) en 1933. Desde a súa nenez interesouse polo debuxo e pola pintura. Estuda Humanidades e Filosofía. En 1958 chega a Madrid onde se introduce no mundo do debuxo publicitario, sendo un dos máis prestixiosos representantes desta técnica. As súas obras aparecerán en multitude de revistas e xornais: El Papus, La Calle, La Codorniz, El Jueves, Cambio 16, Diario 16, El País, El Mundo, etc.

Ilustrou numerosos libros, case sempre en colaboración con bos escritores de onte e de hoxe. Destaca como humorista gráfico e é definido como “debuxante de cidades” por ocupar o debuxado das estruturas urbanas boa parte da súa dedicación profesional. Á parte de Madrid debuxou Nova York, Sevilla, París, Moscova, Caracas, Panamá, México, São Paulo, Río de Xaneiro, Burgos, Barcelona, Altea, Osuna e tamén Santiago de Compostela

A súa obra formou parte de numerosas exposicións individuais e colectivas celebradas tanto en España coma no estranxeiro.