De Martes a Venres
09.30 - 20.30 h
Sábados
11 - 19.30 h
Domingos e Festivos
10.15 - 14.45 h
Pechado
Todos os luns do ano
1 e 6 de xaneiro
1 de maio
24, 25 e 31 de decembro
Praza das Praterías, 2.
15704 Santiago de Compostela
Os mosteiros e os monxes nunca foron algo estraño para min. Tiven relación con eles dende hai máis de vinte anos. Monxes de diferentes relixións, con diferentes ideoloxías e xeitos de pensar. Pero todos teñen algo en común: o afán de busca. Como dun un vello proverbio zen: hai moitos camiños para subir a montaña, pero a lúa que se dende o cume sempre é a mesma.
O mosteiro de Samos ten un camiño, un longo camiño de máis de mil cincocentos anos. Non é novo que o home vaia na procura de Deus. Samos é a demostración vívida disto e os seus monxes son irmáns nesta busca. Debemos comprender e aceptar que algunhas persoas adopten outro xeito de vivir, non allea á sociedade actual pero si adoptando unha perspectiva máis contemplativa, reflexiva, mirando cara ao seu interior. Os monxes teñen moita experiencia nesta procura, séculos de experiencia, os seus métodos están contrastados polo tempo e o seu coñecemento é un tesouro.
Samos é un mosteiro milenario marcado polo paso do tempo, e creo que ten algo que nos dicir. Non só é un monumento arquitectónico levantado con pedra inerte, está vivo aquí e agora. Tentei reflectir e reflexionar un pouco sobre todo isto a través da imaxe. As fotografías que compoñen a exposición comparten algo en común: están feitas de vagar, aínda que soe paradoxal dicilo, usando un método tan aparentemente rápido como é a fotografía.
Luis Alonso Ocaña
Fotógrafo
A difusión do patrimonio cultural galego, especialmente o relacionado cos Camiños de Santiago e coa propia cidade de Compostela, conforma un dos programas expositivos deseñados polos Museo das Peregrinacións. O propio trazado, os espazos naturais, os monumentos e os conxuntos que dispoñen dunha especial significación no que a peregrinación se refire, constitúen o obxecto deste programa no que se encadra a mostra que agora se presenta: “Samos, espírito do Camiño” con fotografías de Luis Alonso Ocaña. Conflúen aquí dúas grandes paixóns do autor. Unha delas puramente laboral e profesional, vencellada co tratamento, coa experimentación e coa reprodución da imaxe; a outra, máis vivencial, emotiva, persoal e afectiva relacionada co seu amor por Samos e por todo o que representa: o monumento, a contorna, a paz, o silencio, a xente...
O mosteiro de Samos é un dos fitos máis importantes e monumentais da ruta xacobea. Estratéxicamente situado no camiño de peregrinación cara a Compostela, fai posible que o viaxeiro prosiga o seu camiñar sen necesidade de se achegar a el. Pero Samos foi ao longo dos séculos, e mesmo o segue a ser na actualidade, un reclamo moi especial para o peregrino. Proporciónalle acougo e folgos ao corpo e nutritivo alimento ao espírito para proseguir renovado coa dura viaxe polo Camiño ata chegar, por fin, á meta desexada. Samos é un conxunto singular do noso patrimonio cultural que como tal debe ser difundido e valorado, pois representa un deses fitos insustituibles da nosa riqueza material e tamén inmaterial.
Bieito Pérez Outeiriño
Director do Museo das Peregrinacións