NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOHORARIOHORARIO
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN

Ultreia. O Camiño de Santiago

-
José Antonio Robés

Despois de máis de mil anos de existencia do Camiño de Santiago, podemos dicir sen medo de nos equivocar que vive unha nova idade de ouro. Motivos relixiosos, culturais, artísticos, turísticos e ata deportivos, moi distintos aos que moveron os camiñantes do medievo, rescatan a ruta xacobea do ostracismo.

Ao longo de todo ese tempo, os símbolos que identificaban os antigos peregrinos foron, loxicamente, cambiando. Atrás ían quedando a coñecida capa con esclavina e o bordón no que os hospitaleiros realizaban unha marca para saber cantos días levaba cada transeúnte no refuxio ou as cabazas que facían ás veces de cantimplora. A cambio, trouxéronnos outros símbolos (mochilas, bermudas, modernos bastóns de montaña...) aínda que non sexan especificamente característicos do peregrino, sérvennos para identificalo. Outros coma a vieira perduran, manténdose coma elemento que constata a súa estancia na cidade do Apóstolo.

Porén, hai un espírito común que permanece intacto co paso dos séculos e é ese requirimento que o Camiño impón a todo aquel que o emprende, é dicir a esixencia de renovar o esforzo en cada etapa para chegar á cobizada meta. É precisamente, ese esforzo o que se retrata nesta exposición de fotografías de José Antonio Robés que con excepcional sensibilidade e eficacia soubo plasmar a historia deste lendario Camiño e os seus camiñantes e os novos símbolos que hoxe identifican a ruta xacobea.

 

Máis aló do espazo e do tempo, son a memoria e o seu relato os que van dando conta dos feitos. Lonxe do lugar natal, todo parece novo, fascinante. A fe descansará na poboada ruta de reliquias que como ronsel luminoso marcan o camiño. Para outros, máis achegados aos xogos da curiosidade, serán outras as circunstancias que soliciten o empeño dos seus ollos. E ao ritmo que os límites que separan o mundo sagrado do mundo real crezan, entrará en xogo un novo tipo de exotismo que relegará a peregrinación a un segundo plano fronte á primacía da vida aventureira. Os ollos mudarán e unha mirada nova escrutará as “marabillas do mundo” que Marco Polo ou Jean Mandeville narrarán.

O que pode hoxe considerarse historia, regresa baixo outras formas e rituais, atopando nas etapas do vello Camiño un novo lugar que cada un interpreta dende as razóns profundas da súa disposición. Xa non somos nin vagabundos occitanos nin peregrinos cargados de fe coa que esperan atopar no final da viaxe a promesa da salvación. T.S. Eliot recordábao ao pensar a vida moderna como unha forma de vagar sen templo, sen lugar salvífico ao que acudir ou no que se protexer. A viaxe volve ser a forma que mellor expresa ese vagar, unha forma de aventura na que coinciden vivir e coñecer. Iniciar hoxe as longas etapas do Camiño, de Roncesvalles a Compostela, é tanto como trasladar a experiencia única que implica percorrer lugares, transitados un día por todos aqueles que entendían a vida como peregrinación cristiá ou aventura profana, a outro tempo, o noso, rexido por outras curiosidades e fantasías. Un tempo que, ao se atopar con lugares que levan a pegada doutras historias, recrean a fascinación dunha experiencia solitaria ou compartida que a crónica fotográfica de Robés soubo rexistrar con excepcional sensibilidade e eficacia. A el debémoslle a posibilidade de volver a percorrer o Camiño que teceu unha historia afastada que unha e outra vez volve ser percorrida como unha historia próxima.

Francisco Jarauta