De Martes a Venres
09.30 - 20.30 h
Sábados
11 - 19.30 h
Domingos e Festivos
10.15 - 14.45 h
Pechado
Todos os luns do ano
1 e 6 de xaneiro
1 de maio
24, 25 e 31 de decembro
Praza das Praterías, 2.
15704 Santiago de Compostela
O Camiño de Santiago está aberto a visións e a novas interpretacións. Chencho Pardo achega as súas a través dos seus aparellos: o lapis e a cor. A realidade que o autor trae nos seus 42 debuxos materialízase de formas diversas pero coa característica común da meticulosidade. O realismo é o xusto e necesario, pero quen observa sabe que ve a practica totalidade dunha vila ou cidade galega porque capta os integrantes esenciais que forman a súa paisaxe, como un edificio ou un monte. Amais, desta maneira logra imbuír no trazo a historia do lugar, as diversas xeracións que foron conformando a localidade para darlles voz. En definitiva, unha maneira de destapar unha riqueza autóctona.
Esta minuciosidade enténdese ao coñecer o estilo do autor. Da arte románica e renacentista toma detalles que remiten a liñaxes e tempos antigos, pero o seu carácter evolucionou coas viaxes por Europa. Do centro de Europa adopta as liñas cun dobre perfil tan características dos seus debuxos. Achégalles así profundidade a uns debuxos que carecen de puntos de fuga. O resultado son unhas paisaxes festivas que atraen a mirada ao pequeno.
Os textos que acompañan cada un dos debuxos tamén desprenden esa reinterpretación da realidade galega. A fonte recorda ás utilizadas no medievo galego, mais tamén o contido remite ás impresións dun viaxeiro renacentista que plasma as súas impresións nun castelán antigo.
Chencho Pardo Valdés (Outeiro de Rei, Lugo, 1948) leva deixando o seu selo inconfundible nunha extensa obra: Paradores de Turismo S.A. encargoulle douscentos debuxos de prazas e perfís urbanos de localidades españolas, publicou varios libros de debuxos de cidades e ilustrou varios libros culturais. Ten colaborado na Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada e tamén en La Voz de Galicia. O Concello de Lugo encargoulle a elaboración de dous debuxos da cidade amurallada a modo de obsequio institucional.