Santiago na batalla de Clavixo
De Martes a Venres
09.30 - 20.30 h
Sábados
11 - 19.30 h
Domingos e Festivos
10.15 - 14.45 h
Pechado
Todos os luns do ano
1 e 6 de xaneiro
1 de maio
24, 25 e 31 de decembro
Praza das Praterías, 2.
15704 Santiago de Compostela
Escena bélica circunscrita a un marco rectangular que se curva na parte superior na que aparece o Apóstolo Santiago caracterizado como cabaleiro ocupando a meirande parte da representación. Preséntase vestido con armadura, manto vermello, tocado co sombreiro de peregrino adornado coa emblemática vieira e montado sobre o tradicional corcel branco disposto en posición de corveta ante os inimigos, neste caso, un exército, ao parecer, de turcos, identificados polo escudo coa media lúa que porta o personaxe que fuxe a cabalo da implacable persecución do Apóstolo. Mentres que coa súa man esquerda suxeita as rendas do animal, coa dereita sostén unha lanza coa que pretende asestar o golpe final ao infiel que está a caer ao chan xunto co seu propio cabalo. Outro mouro xace derrotado e gritando de dor no solo, aprisionado polos cuartos traseiros do corcel de Santiago.
A escena está a transmitir, pois, o dinamismo, tal vez un tanto acartonado, e a violencia propios dun episodio bélico ao tempo que amosa como o artista se recrea no seu labor pictórico mediante a ornamental disposición dos mantos ao vento rematados en bucle (en especial, o do Apóstolo resaltado, ademais, polo tamaño e a intensidade da cor), a exótica indumentaria dos mouros, tocado un deles cun vistoso turbante con plumas, e a sinuosa caracterización das colas dos cabalos.
Tras este primeiro plano onde se dispoñen as figuras, sitúase, xerando profundidade, unha árbore no extremo dereito do cadro, resolvendo o fondo mediante unha paisaxe montañosa de tonalidades frías que contrasta coas cálidas, a base de vermellos, laranxas, marróns e amarelos, do primeiro termo.
En canto á técnica, xunto ao protagonismo que adquire a liña que conforma o contorno das figuras, debe destacarse a gradación cromática coa que se xera o volume das formas así como esta delicada preocupación polo uso efectista da cor.
Finalmente, na parte inferior da escena desenvólvese a inscrición relativa á dotación da capela á que pertenceu esta obra.
-------------------------------------------------------------------------
Na colección do MDPS existe outro Santiago con lanza: Nº Inv. 585