Santiago peregrino
De Martes a Venres
09.30 - 20.30 h
Sábados
11 - 19.30 h
Domingos e Festivos
10.15 - 14.45 h
Pechado
Todos os luns do ano
1 e 6 de xaneiro
1 de maio
24, 25 e 31 de decembro
Praza das Praterías, 2.
15704 Santiago de Compostela
Representación de Santiago peregrino de medio corpo, encadrado nunha simulada ventá rematada en arco rebaixado e ante unha paisaxe de fondo na que se aprecia unha cidade amurallada da que sobresaen as apuntadas torres dos edificios e da catedral de estilo gótico. Disposto en tres cuartos cara a esquerda, aparece ataviado con pesados roupaxes de grosas telas e amplos pregues, e caracterizado como peregrino, en tanto que porta o característico sombreiro coa emblemática vieira, unha esclavina verde rematada en pelo de animal colocada sobre un manto de cor vermella e o bordón de dobre pomo e gancho suxeito coa súa man dereita. Coa esquerda, sen embargo, sostén de maneira curiosa (introducindo o dedo índice entre as súas páxinas) o libro dos evanxeos, indicativo da súa condición apostólica, disposto de xeito oblicuo ao corpo e apoiado sobre o outro brazo para xerar profundidade.
A celaxe de tonalidades claras e frías contribúe a resaltar a grandeza e a forza que irradia a representación do Apóstolo, no seu monumental primeiro plano, a través do marcado acento naturalista despregado polo artista na figura, da intensidade cromática e da vigorosa volumetría das roupas, para potenciar, así, ese contraste doce coa sutileza do fondo. Esta mestría na utilización da luz e da cor consegue concentrar a atención do espectador na faciana de Santiago, a cal mesmo semella un retrato pola detallada representación das engurras, das bolsas dos ollos e polo delicado tratamento da barba. A expresión triste e preocupada da súa mirada transmite, á súa vez, un efectivo sentimento de piedade e contida emoción.
O cadro aparece enmarcado nun paspartú de veludo granate e cun marco que presenta unha inscrición en letras douradas góticas todo ao redor.