Zeitblom, Bartholomäus
Aparece rexistrado como veciño da cidade de Ulm (Baden-Württemberg) a partires de 1482 e alí seguirá desenvolvendo a súa profesión de pintor ata a súa morte. A influencia flamenga que podía apreciarse no seu mestre e sogro Hans Schüchlein, no se detecta en Zeitblom. Amigo de representar figuras individuais, cun tratamento de panos simples pero elegantes, carentes de dramatismo e con rostros que obedecen máis á realidade que ao ensimesmamento e ao idealismo. A súa calma desapaixonada e o seu estilo lírico fixo que varios críticos alemáns do século XIX o denominasen como o "Perugino alemán". Os fondos que utiliza de paneis dourados con profusa decoración vexetal estilizada non é algo novidoso, máis ben tómaos dos mestres góticos, pero Zeitblom parece regularizalos. Ao contrario do que pasa con outros pintores (como por exemplo, Peter Murer, 1446-1469), parece facer coincidir a parte superior do taboleiro listelado coa parte media do halo que sempre se representa plano.
Son numerosas as obras coñecidas deste autor, conservadas nunha boa parte aínda nos lugares para os que foran concibidas e, noutros casos, custodiadas en diferentes museos alemáns e estranxeiros. Destacan o retablo de Eschach (1495, na actualidade en Berlín), o retablo da igrexa de Blaubeuren (preto de Ulm) con imaxes da Paixón e o da vida de san Xoán Bautista, o retablo de Heerber, reconstruído na Galería Real de Stuttgart, a lenda de san Valentín no museo de Augsburgo, e infinidade de táboas conservadas pola rexión. Salientamos pola proximidade estilística as táboas de Santa Catarina, Santa Bárbara e as do arcanxo san Miguel e a Virxe dunha Anunciación (todas elas datadas en 1497) que se atopan no Museo Nacional de Arte de Romanía (Bucarest).