NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOSHORARIOSHORARIOS
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN

Acción mantra da paz. Cartografías textís

Acción colaborativa «Mantra da Paz», xoves 17 de novembro entre as 10.00 e as 12.00 h. Soportais do Museo das Peregrinacións e de Santiago.

Organizan: Asociación de Profesores de Expresión e Comunicación Visual (APECV, Portugal) e conta ca colaboración do Grupo Liter21 (USC) e o colectivo C3 que promove accións artísticas.

Que é o Mantra da Paz e como xurde?

O Mantra da Paz comeza o seu periplo en 2022 ao integrar o Proxecto Internacional «Cartografías Textís» que desenvolve a Asociación de Profesores de Expresión e Comunicación Visual (APECV, Portugal) e a Semana Internacional de Educación Artística que promove a Alianza Mundial de Educación Artística.

O punto de partida é a obra-convite #Mantra #Paz #108 composta por 108 pezas textís bordadas por Ângela Saldanha, nunha evocación á PAZ no mundo e que, segundo a artista, aséntase nos seguintes conceptos esenciais:

1. Bordar: é un ritual de ornamento que permite, na súa constante execución, abstraerse da técnica e da realidade, e xa que logo, favorece que a mente transcenda.

2. Mantra: (do sánscrito Man -mente- e Tra - control ou protección-) enténdese como un instrumento para conducir a mente.  É unha fórmula ritual (palabra, verso ou sílaba) que se pronuncia repetidamente e ten como obxectivo alcanzar un estado de relaxación, contemplación, meditación e de comuñón co cosmos.

3. 108: é un número divino en varias culturas e crese que entoar o mantra este número de veces activa a súa esencia poderosa na conexión co Todo.

4. PAZ: evócase aquí a necesidade de pensarmos e poñer en práctica no noso día a día, todos os significados desta palabra, na grande crenza colectiva de que esta se dea en todo o mundo.

En que consiste a acción e como podes participar?

Esta acción artística colaborativa está aberta á participación de colectivos e persoas individuais que queiran sumarse a esta petición global bordando a palabra paz en cadrados de tecido de 10x10cm, na lingua materna. Con este desafío convídase a experimentar a cadencia contemplativa do bordado e da repetición das palabras en secuencias numéricas, como un proceso simbólico de activismo político a través do artesanal. Un proceso que pode ser realizado por calquera persoa, en calquera lugar do mundo, grazas á técnica universal que se utiliza (narrativa téxtil a través do bordado).

Neste momento estanse bordando varios Mantras en diferentes lugares do mundo. O que aquí se presenta iniciou o seu percorrido na Sé Catedral de Viseu coas achegas de máis de vinte institucións sociais desta rexión portuguesa. Desde aí percorreu xa varios países ata chegar agora a Santiago de Compostela.  

Datas e lugares

O mércores 16 de novembro estará na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Sur) no marco do I Congreso Internacional de Educación Artística y Literaria: Proyectos interdisciplinares a debate.

O xoves 17 de novembro estará no Museo das Peregrinacións e de Santiago (Praza das Praterías desde as 10 ata as 14.30 h. Entre as 10.00 e as 12.00 h, ca colaboración de membros da APECV, as persoas que o desexen poderán participar bordando os seus cadrados. Estes formarán parte do Mantra que seguirá o seu camiño a partir do venres.

 

Idea da obra-convite: Ângela Saldanha

Organización do proxecto “Cartografías Textís” no que se enmarca este traballo participativo: APECV, Portugal. Contacto: Teresa Torres Eça.

Colaboración en Santiago de Compostela: Cristina Trigo, docente da USC e membro do grupo C3 de educadoras e investigadoras de educación artística que colabora ca APECV.