De Martes a Venres
09.30 - 20.30 h
Sábados
11 - 19.30 h
Domingos e Festivos
10.15 - 14.45 h
Pechado
Todos os luns do ano
1 e 6 de xaneiro
1 de maio
24, 25 e 31 de decembro
Praza das Praterías, 2.
15704 Santiago de Compostela
A temática asignada polo ICOM ó Día Internacional dos Museos 2021 é “O futuro dos museos: recuperar e reimaxinar”. O DIM - 2021 convida os museos, os seus profesionais e as comunidades para crear, imaxinar e compartir novas prácticas de (co)creación de valor, novos modelos de negocio para as institucións culturais e solucións innovadoras para os retos sociais, económicos e ambientais do presente.
A pesar da actual situación de pandemia, no #DIM2021 non queremos perder o contacto co noso público e por iso pensamos nunha serie de actividades de (re)encontro no Museo en consonancia coa normativa hixénico-sanitaria vixente.
Para a celebración deste Día Internacional dos Museos 2021, o MDPS propón un programa de actividades para converter o Museo nun espazo de encontro cultural. En relación ao lema deste ano “O futuro dos Museos: recuperar e reimaxinar”, destacamos o factor “recuperar” co concerto de Abraham Cupeiro, co uso de instrumentos históricos e dos seus sons. Traer á actualidade documentos e coñecementos da historia da cidade será tamén o obxecto da charla a cargo do arquiveiro da Catedral de Santiago, Francisco Buide del Real acompañado de Xosé M. Sánchez Sánchez.
Para fomentar a interacción do Museo co entorno máis inmediato, propoñemos tamén un obradoiro creativo de ilustración con ligazóns ao mundo da peregrinaxe. Pensado para celebrar nos soportais que dan á praza das Praterías, podendo participar tanto maiores como cativos.
Nenos e nenas terán unha estimulante actividade expresamente dedicada para eles e elas a cargo de Pakolas: un espectáculo de música e ilustracións que se irán facendo en directo en función das cancións que vaian soando.
Dada a proximidade entre a celebración do DIM e a do Día das Letras Galegas, este ano dedicado a unha muller, aproveitamos para situar ao Museo como entidade xeradora de contido para esta celebración, cun monólogo a cargo dunha das “contadoras” máis valoradas da actualidade, Paula Carballeira.
PROGRAMA:
Venres 14 de maio [19h30]
Conferencia: “Enfermidades, pestes, pergamiños e coidados na cidade de Santiago de Compostela. Unha visión dende o Arquivo da Catedral”.
Francisco Buide del Real
(Archivo-Biblioteca de la Catedral de Santiago)
Xosé M. Sánchez Sánchez
(UNED Pontevedra – Archivo-Biblioteca de la Catedral de Santiago)
Os vaivéns da historia deixan sempre pegadas, xa sexan en edificios, en documentos ou nas plantas das cidades. No caso de Compostela o Arquivo da Catedral conserva boa parte deste sentir dos séculos, dende o nacemento da urbe até hoxe. O contexto presente volve a súa ollada a pandemias e enfermidades, sen esquecer por suposto a atención médica. Nesta charla-conferencia ocuparémonos dos testemuños diversos que dende o arquivo catedralicio nos permiten seguir momentos igualmente complexos na súa superación e as distintas formas que toman, en documentos, edificios e devocións.
Sábado 15 de maio [11h00]
Obradoiro de ilustración
Xosé Tomás
[Todos os públicos]
Ilustrador, historietista, humorista gráfico… Xosé Tomás crea un espazo onde a creatividade dos participantes non deixa de medrar. No actual momento de tensión e preocupación, este obradoiro ofrece a oportunidade de atopar ferramentas de expresión a través da creación artística, e de gozar co humor que salta dende os recunchos menos pensados, algúns deles ligados á peregrinación.
Soportais do Museo das Peregrinacións e de Santiago
Sábado 15 de maio [18h30]
Monólogo: “Os camiños máis longos”
Paula Carballeira
[Todos os públicos]
A actriz e contadora, destacada figura feminina no seu ámbito, faranos partícipes dunha viaxe que nos conecta dende a emoción e o humor con viaxes e peregrinacións a Compostela. Un espectáculo para todas as idades.
Domingo 16 de maio [12h00]
Concerto de música e ilustración: “Cores, Contos e Rock´Roll con Ramona Órbita”
Pakolas e Laura Romero
[Espectáculo infantil – familiar]
O autor e compositor Paco Cerdeira atopará na ilustradora Laura Romero a compaña ideal para contar as súas historias. El pon a música, os contos e as bromas. Ela, encargada de darlle vida ás súas personaxes, as cores e os debuxos. Esta proposta multidisciplinar ofrécelle aos máis pequenos unha actividade interactiva chea de música, creatividade e diversión.
Luns 17 de maio [online]
Celebración do Día das Letras Galegas
Evento en liña
Emisión nas redes sociais do Museo dun fragmento do monólogo de Paula Carballeira “Os camiños máis longos”.
Martes 18 de maio [19h30]
Día Internacional dos Museos
Concerto: “Resoando no pasado”
Abraham Cupeiro
[Todos os públicos]
Unha viaxe musical combinada cun monólogo pedagóxico na que, o músico de proxección internacional Abraham Cupeiro, recupera instrumentos de todas as épocas e lugares, explicando a súa orixe e facéndoos soar de novo. Unha actividade que suporá un achegamento á historia da música e unha oportunidade única de resoar con ela.
RESERVAS:
Para poder asistir ás actividades presenciais é necesario reservar entrada a través do correo electrónico reservas.mdperegrinacions [at] xunta.gal indicando nome, apelidos, DNI e teléfono. Cada persoa pode reservar un máximo de catro entradas por correo.