De Martes a Venres
09.30 - 20.30 h
Sábados
11 - 19.30 h
Domingos e Festivos
10.15 - 14.45 h
Pechado
Todos os luns do ano
1 e 6 de xaneiro
1 de maio
24, 25 e 31 de decembro
Praza das Praterías, 2.
15704 Santiago de Compostela
A Biblioteca do Museo das Peregrinacións presenta un novo centro de interese, sobre a Tradición xacobea (II). A traslatio, con bibliografía vinculada a este tema.
Recollida en múltiples fontes escritas, todas elas de carácter literario, a lenda da traslatio relata o desprazamento por mar dos restos de Santiago o Maior de Palestina a Galicia. Aparece narrada por primeira vez na Carta do Papa León, considerada apócrifa, cuxa versión máis antiga (entre finais do S. IX e o X) fala dun bispo de Xerusalén (o Papa León en versións posteriores) ao que os discípulos de Santiago contan os feitos, tras regresar do traslado e enterramento do Apóstolo no que hoxe é Compostela.
Hai autores que pensan que esta carta líase aos peregrinos cando chegaban á Catedral como forma de propaganda e difusión da tradición do sepulcro.
Hai moitas outras versións posteriores da traslatio, como poden ser a do Codex Calixtinus, ou a da Historia Compostelana, entre outras, que foron claves para o asentamento do mito. Aínda que cada versión engade algo distinto, as coincidencias son evidentes:
Tras a súa predicación en España, Santiago o Maior volve a Xerusalén, onde Herodes ordena cortar a súa cabeza. Os seus discípulos apodéranse do seu cadáver e lévano á costa no porto de Jaffa, ou Joppe. Alí embarcan e chegan a Bisria, entre os ríos Ulla e Sar, ou noutras fontes, ao porto de Iria Flavia. Ao chegar alí teñen un encontro cunha muller chamada Luparia á que lle piden un lugar para sepultalo. Tras vencer a un dragón e amansar uns touros bravos aos que utilizan como animais de tiro, Lupa convértese ao cristianismo e cédelles un lugar para sepultar ao seu mestre.
A incorporación da traslatio á Legenda Áurea de Jacobo de la Vorágine, exitosa obra de recompilación de relatos haxiográficos do século XIII, contribuíu á popularización do mito.