De Martes a Venres
09.30 - 20.30 h
Sábados
11 - 19.30 h
Domingos e Festivos
10.15 - 14.45 h
Pechado
Todos os luns do ano
1 e 6 de xaneiro
1 de maio
24, 25 e 31 de decembro
Praza das Praterías, 2.
15704 Santiago de Compostela
I Concurso Internacional de Deseño e Encadernación
Con motivo da celebración do pasado Ano Santo, a Asociación para o Fomento da Encadernación de Libros de Arte (AFEDA), en colaboración co Museo Das Peregrinacións, convocou o primeiro Concurso Internacional de Encadernación e Deseño co obxectivo de deseña-lo libro máis axeitado para un peregrino actual.
Nesta exposición pódense contemplar as 49 encadernacións presentadas que combinan utilidade e deseño: libros en branco para anotar nas súas follas o acontecido en cada xornada, libros con texto xa impreso para ler durante o camiño, guías para orienta-lo peregrino no itinerario, libros de oración para o recollemento, en definitiva libros para múltiples funcións con deseños e montaxes singulares, útiles e valiosos.
No concurso, ademais dos representantes de distintas comunidades autónomas de España, participaron profesionais de Portugal, Francia, Italia, O Xapón, Bélxica e México.
Premios outorgados:
1º premio: María José Eiriz Fernández, de Vigo (Pontevedra).
Libro en branco. Encadernación flexible, costuras vista. Diario de peregrino enrolable, dun só caderno pequeno de papel xaponés feito a man, con tapas de pel valenciana. Soporte en pel volta con mosquetón para facilitar o seu transporte.
2º premio: Concha e Rosana López Bermejo, de Madrid.
Encadernación en pel de cabra marrón envellecida. Gardas de pel volta e pintadas. Cabezadas en pel. Título e autor en prata brillante ao longo do lombo. Solapiñas ríxidas á pel e lapelas flexibles na cabeza dianteira para cubrir e pechar de todo o libro, formando o bolso, todo da mesma peza de pel. Decoración gofrada con película azul brillante. Para a decoración utilizouse simboloxía do Camiño, mesturando elementos clásicos e modernos. Libro-bolso, con asa desmontable para maior comodidade no seu manexo. Follas en branco engadidas ao final do texto para anotacións.
3º premio: Vinka Grbic Segura, de Barcelona.
Libro en branco. Encadernado en tapas flexibles en pel de cabra negra, en ewa, gofrado de iconografía santiaguesa. Gardas externas en pécari negro. Gardas internas pintadas a man. Cabezadas tecidas a man en pel e tea. Tapas tratadas con envolventes esaxerando os bordos para protexer e cubrir o seu contido. O sistema de peche do libro é aproveitado para o seu transporte e fácil adaptación a extremidades do corpo.
Accésits:
1º accésit: Cristina Balbiano D’Aramengo, de Milán (Italia).
2º accésit: Raquel Escudero Arribas, de Madrid.
3º accésit: Begoña Cabero Dieguez, de Barcelona.
O obxectivo primordial e o motivo principal desta exposición-concurso titulada “Encadernación e Deseño para un libro de peregrino”, organizada pola Asociación para o Fomento da Encadernación de Arte, é, sen dúbida, responder a unha das esixencias máis actuais precisamente da Encadernación de Arte e Deseño. A través da iconografía documentada e dalgúns exemplares que se conservan na actualidade en museos e bibliotecas, puidemos dispoñer de imaxes que amosan como foron estas orixinais encadernacións de época.
O uso dos libros para cinto apareceu ao redor de 1350 e este modelo mantívose vixente preto dun século e medio, sobre todo na Alemaña. Hoxe en día existen moi poucos exemplares no mundo. Dispoñen de tapas de madeira cunha protección de suave ante que cobre os laterais e o lombo. O mesmo material prolóngase dúas cuartas pola parte superior do libro, para acabar nun nó. Tamén se utilizaban coiros flexibles que permitían realizar con facilidade o nó do remate.
O libro, protexido así da choiva e da sucidade, quedaba colgado boca abaixo prendido do cinto ou cíngulo dos monxes, dos clérigos ou dos nobres. Tamén era posible levalo na man grazas ao nó que tiña a encadernación no extremo. Desta forma, o peregrino podía portar consigo todo o que necesitaba para a escritura afeita e o fiel devoto, pola súa banda, podería exhibir orgulloso o seu libro máis prezado, adornado con peches e ferraxes. Ao dono ou propietario do libro estáballe permitido desta forma abrir o libro e lelo mentres paseaba, a pé ou a cabalo, ou noutras moitas circunstancias.
Baseándonos na idea exposta, AFEDA, Asociación para o Fomento da Encadernación de Arte, organizou, xunto coa Xunta de Galicia, neste ano Xacobeo 2004, esta Exposición-Concurso, única no xénero, co suxestivo título Encadernación e Deseño para un libro de Peregrino.
As encadernacións que mostramos nela están inspiradas nese concepto de deseño, pensado no seu momento para un libro de peregrinos a Santiago de Compostela, pero presentadas agora co resultado obtido para peregrinos que fan o Camiño na actualidade. Referímonos, por tanto, a encadernacións pensadas para libros que teñen que levar os peregrinos que camiñan cara a Santiago de Compostela nos nosos días.
María Victoria Calderón
Presidenta de AFEDA